De muros, alpendres e cociñas de fóra

La Voz

AROUSA

CEDIDA

Algunhas sorprendentes catalogacións como patrimonio cultural fan que non se entenda a razón de ser da protección

28 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

No mundo de hoxe —de présa, de présa, tecnolóxico, impersoal, urbano, universal— ímonos esquecendo dos saberes do rural tradicional, dos seus coñecementos directos sobre a terra, a flora, os cultivos, o tempo, a construción, a mesma existencia. A vida actual evoluciona por camiños diferentes dos conformados por esas maneiras de existir vinculadas á terra que, particularmente en Galicia, sobreviviron ata tan hai pouco. E, agora, embarullados na velocidade descontrolada destes tempos, non atendemos a todo aquilo que contribuíu á xeración da nosa identidade e que reflicte non só sabedoría, senón tamén un xeito de vida ancestral que cooperou a que aínda atesouremos un sermos propio.

Un destes saberes, seguramente humilde, no que non nos paramos, é o da arte de construír muros en pedra seca ou, o que é o mesmo, os coñecementos e prácticas para a realización de muros cunha sabia colocación das pedras, sen usar outros materiais de construción, acadando estabilidade estrutural grazas a unha selección e disposición sumamente coidadosas de rebos e perpiaños.

Desde a prehistoria eses muros foron organizando espazos de vida e de traballo, creado diferentes tipos de hábitat humano: estruturas para agricultura e gandería, delimitación de propiedades, vivendas e edificacións agrarias, muros de contención. Un simple paseo polo rural deixaranos ver mostras dese saber facer, actualmente abandonado, e, incluso, unha configuración definidora da propia paisaxe. As estruturas en pedra seca gardan perfecta harmonía co medio e as técnicas usadas son exemplo de relación equilibrada entre ser humano e natureza empregando materiais da zona; na nosa comarca, o granito. A Unesco no ano 2018 incluíu os coñecementos e técnicas para construír muros en pedra seca na Lista Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade. Esa declaración non implica protección directa das obras feitas con esa ciencia, pero parece de sentido común que obrigue ás Administracións públicas a que cataloguen e protexan todas as construcións erguidas con tal saber e, ademais, que as manden conservar e restaurar.

Mais a realidade é que este patrimonio, particularmente os muros delimitadores, non aparece catalogado en ningún, —en ningún—, dos planeamentos urbanísticos da nosa contorna, e iso que o patrimonio da pedra seca leva décadas en recesión debido á falta de relevo xeracional, ao despoboamento rural, ao emprego de novos materiais, ao custe de mantemento e a decrecente rendibilidade dos espazos agropecuarios que sustentaban a súa vixencia. Por iso o seu estado de conservación vaise deteriorando co paso do tempo, a erosión, a falta de uso e restauración e a substitución por bloques de formigón ou mallas de arame. Muros, valos, camiños empedrados, muíños, alpendres e piornos feitos con esa técnica van deixando de cumprir a súa función tradicional, despois de seren imprescindibles. A esperanza deste patrimonio está na semente que plantou esa declaración da Unesco, que tamén poderá abrir oportunidades para o turismo rural e o cultural mediante talleres, espazos de interpretación, rutas, recuperación de elementos, agroecoloxía ou aloxamentos rurais.

Na máis recente catalogación de elementos do patrimonio cultural da comarca, a do Grove, non se recollen directamente os valos de pedra seca, abondosos nese municipio, pero si aparecen moi diversas construcións feitas con esa técnica e, particularmente, toda clase de alpendres, uns que efectivamente están ben catalogados e outros que non. Pero, ollo, a falta de coidado e de revisión dese catálogo leva a que se incluísen nel construcións que nin de lonxe se poden considerar patrimonio cultural etnolóxico —aparece como ficha ET 275 unha cociña de fóra que clama ao ceo—, mentres nin menciona, igual que o resto de planeamentos do Salnés, os muros realizados coa técnica da pedra seca. Ese xeito de actuar, descoidado, é danoso porque fai que non se entendan os porqués da necesaria protección do verdadeiro patrimonio cultural.