A Copa Galicia de Ciclocrós desembarcará en Ribadumia cuns 250 participantes

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

A proba disputaráse na mañá do domingo na contorna da casa da cultura

24 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A casa consistorial de Barrantes acolleu no día de onte a presentación da primeira edición do Ciclocrós Concello de Ribadumia, que na mañá deste domingo se disputará na contorna da casa da cultura. Unha carreira, a undécima, do calendario de catorce probas que decide este ano os nomes dos mellores especialistas da modalidade nas dezasete categorías de idade e sexo en competición.

O seleccionador galego de ciclocrós, Alberto del Río, foi o encargado de dar a coñecer os detalles da proba, acompañado no acto de presentación polo alcalde, David Castro, e polo deputado provincial Manuel González. Del Río informou dun trazado duns 3.000 metros nunha zona de campo que ten «unha parte técnica e outras máis rápidas, dun perfil máis ben plano».

Desde a Federación Galega de Ciclismo, organizadora da carreira, prevén a participación duns 250 ciclistas, non só galegos, senón tamén chegados de Asturias e de Portugal.

Puntuable para o ránking nacional, o I Ciclocrós Concello de Ribadumia verá catro saídas. A primeira, ás nove e media da mañá, cos másteres 30, 50 e 60 sendo os primeiros en entrar en acción. Unha hora máis tarde será a quenda dos másteres 40, o segmento de idade con maior número de competidores da Copa Galicia de Ciclocrós. Ás once e media tocarálles aos cadetes. E desde as doce e media poderáse seguir a manga raíña, que congregará os júniores, sub 23 e elite. Sendo para todos o mesmo trazado, a proba variará entre as tres voltas ao circuíto que deberán cubrir os ciclistas cadetes e as oito que afrontarán os da categoría elite.

A de Ribadumia será a segunda proba consecutiva na zona da Copa Galicia de Ciclocrós, logo da disputada o pasado sábado en Sanxenxo.