Umia e Ribadumia volven verse as caras na Liga tras case 30 anos

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O Vilalonga recibe o Xuventú Sanxenxo, o Juventud Cambados ao Valladares e o Céltiga visita o Beluso

21 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Era un derbi que os dous equipos confiaban hai non moito poder reeditar na Terceira División, na que nunca coincidiron. Pero nin o Umia conseguiu rachar a pasada temporada o seu teito histórico nin o C.D. Ribadumia manter a categoría. Case 30 anos despois, ambos os dous veciños vólvense medir nunha liga, na oitava xornada do Subgrupo 2A da Preferente Galicia. Fano esta mañá, desde as 12.15 na Bouza de Barrantes. Co Umia un punto (9) e un posto, sétimo, por enriba do seu rival.

Outro partido de grande interese hoxe entre os afeccionados arousáns é o que dirimen desde as 16.30 no Novo San Pedro o líder, Vilalonga, e o Xuventú Sanxenxo. Un duelo con claro favorito, o conxunto local, invicto tras as sete primeiras xornadas do campionato con cinco vitorias e dous empates. Un balance diametralmente oposto ao do seu contrincante, que só deu sumado dous puntos noutros tantos empates, caendo nas súas restantes comparecencias. 

Tamén a partir das 16.30 horas, o Juventud Cambados, sexto clasificado, tentará ampliar a súa positiva xeira de resultados para seguir pelexando por enganchar cos cinco postos que darán dereito a competir polos ascensos, a costa do outro invicto do subgrupo, o Valladares, en Burgáns. O Céltiga, décimo, desprázase pola súa banda ao campo do quinto, o Beluso.