21 nov 2021 . Actualizado a las 09:33 h.
Debo seguir a falar do Catálogo de Patrimonio do PXOM novo do Grove. Pode que este Catálogo, que é a figura urbanística que debe recoller os bens do patrimonio cultural, non sexa tal cousa senón, en realidade, comedia ou, mellor, ópera bufa. Veño contándolles que, por exemplo, non figuran nel a ficha de Adro Vello, nin a do monumento á Familia Mariscadora e, pola contra, aparecen cruceiros e piornos ornamentais a varrer, deses que adornan chalés sen teren relación ningunha coa tradición. Hoxe quérolles facer notar unha ausencia e unha presenza.
A ausencia é a da Batería de Porto Cuaces. Para os de San Vicente o topónimo é Porto de Cuazos e o lugar que ocupa, Cunchido. A construción desta instalación militar fíxose, rematada a Guerra Civil española, ocupando monte de mancomún e terreos expropiados e comprados a veciños, que hoxe deberían reverter. As instalacións actuais son uns edificios residenciais, con capela, catro casamatas con canóns Vickers, ben camufladas por construírense con cons do lugar, e un posto de mando ou búnker de telemetría, no que recordo siluetas de barcos de guerra polas paredes, todo comunicado por túneles subterráneos. Está situada fronte a Sálvora e Ons, debería ser parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas, e foi pensada para protexer de incursións por mar cara ás rías de Arousa e de Pontevedra. A realidade é que desde ela nunca houbo que pegar un tiro para defenderse de inimigos estranxeiros e que valeu para que unha santiaguesa que navegaba nunha lanchiña de recreo co seu home e outra parella, perecese polo disparo dun soldado de garda, que seguía estritas ordes de que non permitise invasións das augas próximas.
Os canóns que aínda hoxe parecen vixiar a boca da ría, oxidados sobre todo polas bases, proceden do cruceiro Navarra, botado no Ferrol en 1920, bautizado como Reina Victoria Eugenia e entre 1931 e 1938 como República; de 140 metros de eslora; propulsado inicialmente a carbón e petróleo e que aínda sen dispoñer de boa máquina e sufrir moi frecuentes avarías, camiñaba a 25 nós. Artillado en dúas ocasións foi o buque insignia da Armada para apoio de operacións terrestres na Guerra do Rif. En 1936, xa desarmado e sen caldeiras, reparáreno os sublevados, denominárono Navarra e, decrépito, puxérono en servizo para paliar a perda do Baleares, pasando a formar a División de Cruceiros co Canarias e co Almirante Cervera. En 1943 retiráronlle os canóns alemáns Vickers, fundidos en 1923, para repartilos entre as baterías de Cabo Silleiro e San Vicente, onde quedan tres; do cuarto canón que está emprazado alí non sei a procedencia.