Concentracións ante Cefrico e Bolton Food para reivindicar un convenio digno no sector conserveiro

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

18 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A mesa negociadora entre patronal e sindicatos reanudará o día 30 en Madrid as conversas para a sinatura dun convenio colectivo sectorial no segmento español da conserva. Logo da última xuntanza das dúas partes, os días 10 e 11 do presente mes, a Confederación Intersindical Galega, CIG, denuncia que a postura empresarial dista un mundo dun convenio digno e xusto para os traballadores que abriu a quenda de consignas ao aire lanzadas nas cinco concentracións convocadas onte ao mediodía diante doutras tantas fábricas galegas.

No sur de Arousa, as mobilizacións realizáronse ante as factorías das firmas Cefrico de Vilagarcía de Arousa e Bolton Food (Conservas Isabel) do Grove. No primeiro caso, na parte traseira da instalación, fóra dos terreos da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, que lles negou o acceso aos manifestantes pese a dispoñer dun permiso da Subdelegación do Goberno para concentrárense, sinalando o ente portuario que se deberían ter dirixido tamén a el para conseguir luz verde ao acceso.

Rosa Abuín, responsable do sector da conserva en Arousa da CIG, quixo deixar claro que as concentracións ante Cefrico e Bolton Food respostaban unicamente ao feito de que ambas as dúas empresas, como Albo en Vigo, Frinsa en Ribeira e Calvo en Carballo, son as representantes galegas do sector na mesa de negociación; «non temos nada contra elas», sinalou.

Coa fábrica de Cefrico ao fondo, Abuín debullou os grandes puntos que hoxe separan o seu sindicato da sinatura dun acordo en Madrid. Por un lado, a intención da patronal de estirar a xornada laboral de luns a domingo. Por outro, un incremento salarial de entre o 1 % e o 1,75 % en cada un dos cinco anos que pretende dure o novo convenio, fronte ao incremento do IPC máis o 1 % anual que pide a CIG para salvagardar o poder adquisitivo dos traballadores. E por último, a discriminación salarial por sexo que, denuncia o sindicato, se referendaría coa actual proposta patronal para os grupos 5, no que se encadra o groso das traballadoras do sector, e o 6, no que figurarían os operarios varóns. De non haber avances substanciais o día 30, Abuín non descarta a convocatoria dunha folga.