De pasarse de freada

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE

AROUSA

CEDIDA

No apartado etnolóxico, o novo PXOM adolece de un exceso dificilmente xustificable

14 nov 2021 . Actualizado a las 19:54 h.

Non podo deixar de darlle voltas ao PXOM aprobado provisionalmente polo Concello do Grove, e devolto pola Xunta de Galicia, en relación co patrimonio cultural. Ata agora faleilles das ausencias incribles neste eido, como as da ficha de Adro Vello, do patrimonio subacuático, do monumento á familia mariscadora. Pero hai outras como a Casa Cambón, a Casa da Fonte ou o colexio das monxas. Pero se son inexplicables esas omisións, tamén aparecen catalogados como bens do patrimonio cultural algúns que, nin de lonxe, poden incluírense nesa categoría. As normas actualmente vixentes no Grove recollen pouca cousa, pero no apartado etnolóxico deste novo PXOM aparece agora un exceso dificilmente xustificable. Un só dato: as fichas do novo catálogo de 2021 ocupan 657 páxinas e as do vixente de 1996, 31. En dous dos tipos de bens agora catalogados que integran o patrimonio etnolóxico introdúcense moitos que non merecen ningunha clase de protección: certos alpendres —hai un de bloques de formigón e cuberto con pranchas de fibrocemento—, algún dos piornos e moitos cruceiros. O caso dos cruceiros —basamento, varal, capitel e cruz— é significativo. A lei de Patrimonio Cultural protéxeos como integrantes do patrimonio etnolóxico, o mesmo que a piornos, petos de ánimas, muíños de auga, de mareas ou de vento, fontes, lavadoiros, telleiras, fornos, pontellas, fábricas de salga, carpinterías de ribeira ou embarcacións tradicionais. Pero, como é de sentido común, non a todos. Inclúense automaticamente, estean ou non inventariados, piornos, cruceiros e petos de ánimas construídos antes de 1901; os erixidos despois poderán ser catalogados só cando se lles recoñeza un especial valor cultural, principalmente etnolóxico. Entre as razóns de ser da protección dos cruceiros están a súa colocación tradicional en puntos estratéxicos cumprindo finalidades como as de custodia de camiños, acción de grazas por favores recibidos de Deus, recordatorio de feitos históricos ou desgrazas, amparo para os campos e o gando, etc., sempre vinculadas a antigas crenzas relixiosas, costumes, supersticións ou devocións populares e cunha orixe posiblemente herdeira da función dos menhires, miliarios ou fitos, como nos lembra o propio Castelao. Pois resulta que neste novo PXOM do Grove aparecen catalogados cruceiros que, efectivamente, representan eses valores culturais; pero outros son deses de recente feitura que diversos propietarios ou institucións, con discutible gusto, veñen colocando en hortas, xardíns ou espazos públicos. Non teñen nada que ver coa tradición nin co patrimonio cultural e están moi lonxe de mereceren amparo, pola mesma causa que a ninguén se lle ocorre, por poñer, inventariar unha ánfora que imite unha romana. Resulta evidente que eses cruceiros non son patrimonio cultural e non pasan de cumpriren funcións ornamentais. Catalogar como patrimonio bens que non merecen protección xera unha evidente confusión cultural que fai que non se entendan os motivos desa salvagarda e, por máis, implica prexudicar aos titulares deses bens, porque calquera reforma ou modificación deles terá que seguir uns custosos e complicados trámites e, ademais, implicará un entorno de protección, habitualmente de vinte metros. Catalogalos é desprezar e descoñecer o verdadeiro patrimonio cultural e os seus porqués.