O club de remo esgrime un convenio coa Fundación de Deportes de Vilagarcía para probar que é esta a xestora do centro de Vilaxoán

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

cedida

A asociación veciñal amosa a súa comprensión coa entidade coa que comparte a instalación en medio do seu conflito co Concello

07 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente do Club de Remo Vilaxoán, Gelo Tarrío, reaccionou onte fronte á afirmación do Concello de Vilagarcía de desligar a Fundación de Deportes e o seu presidente, Miro Serén, do polémico manexo dos tempos dunha obra de ampliación do centro sociocultural e deportivo de Vilaxoán iniciada sobre o papel o 10 de xaneiro e camiño dos tres meses desde a súa segunda paralización. Diante da declaración o venres desde Ravella de que «non é a Fundación de Deportes o ente encargado do centro sociocultural e deportivo de Vilaxoán», Tarrío presenta unha copia do convenio que lle permite o C.R. Vilaxoán o uso das instalacións municipais.

«Convenio entre a Fundación Pública de Servizos Deportivos Municipais do Excelentísimo Concello de Vilagarcía de Arousa (Fundación de Deportes) e o club/entidade deportiva Club de Remo Vilaxoán, para o uso da instalación deportiva municipal Centro Sociocultural Deportivo de Vilaxoán (dependencias deportivas)». Este é o encabezamento do documento achegado por Tarrío, asinado por Miro Serén, en calidade de «concelleiro delegado de Deportes e presidente da Fundación Pública de Servizos Deportivos Municipais» e por Tarrío, presidente do club de remo.

Tamén no convenio se recolle: «A Fundación de Deportes cédelle ao club/entidade Club de Remo Vilaxoán o uso das instalacións que a continuación se indican. O referido uso non terá carácter exclusivo, pero si carácter preferente e/ou prioritario, e refírese ao uso natural da instalación para fins deportivos».

'Salvar al soldado Serén'

Co convenio na man, Tarrío declara: «É evidente que vale todo para desacreditar o club e a min. Tamén que non é culpa de Gelo Tarrío que as obras estean sen acabar. O nome da película está claro, ‘Salvar al soldado Serén’».

Tamén onte, Joaquín Santamaría, presidente da xestora da Asociación de Veciños de Vilaxoán, beneficiaria do uso da outra metade do centro municipal, declarou nun comunicado que «increíblemente las obras siguen igual que en junio», sinalando que «esperamos que el C.R. Vilaxoán no desaparezca», que a súa asociación tratará de convencer a súa directiva de que non dimita e pedindo «que todas las partes pongan voluntad para dar celeridad a las obras, porque si esto no se arregla, nos arrepentiremos todos».