Gelo Tarrío: «Catro palabras de cada cinco de Miro Serén son medias verdades, o que lle interesa dicir»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

 O presidente do C.R. Vilaxoán di que o parón das obras viu a raíz de negarse a un almacén para a asociación veciñal na zona deportiva

05 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A crise desatada a raíz do anuncio de dimisión da directiva do Club de Remo Vilaxoán pola paralización das obras de ampliación do centro sociocultural e deportivo no que ten a súa sede ameaza cun percorrido incerto que podería deixar máis dun damnificado. Lonxe de servir de ponte tendida, a explicación ofrecida o mércores sobre o asunto polo goberno local de Vilagarcía de Arousa a través do seu departamento de comunicación non fixo máis ca botar leña ao lume. Co presidente do club, Gelo Tarrío, saíndo onte ao paso da versión municipal, personalizando no concelleiro e presidente da Fundación de Deportes local, Miro Serén, unha contra resposta que deixaría en precario o papel e a autoridade do edil.

«Catro de cada cinco palabras son medias verdades, o que lle interesa dicir». Con esta contundencia arrinca Gelo Tarrío a súa resposta a un comunicado municipal no que se atribúe a paralización das obras do centro sociocultural e deportivo de Vilaxoán desde hai dous meses e medio á necesidade de modificar o proxecto para atender as demandas de adaptación das obras que, con estas xa empezadas, lle terían trasladado ao Concello tanto o club como a asociación de veciños, usuarios das instalacións.

«Din que pedimos modificar o proxecto en xullo. Iso é mentira», declara Gelo Tarrío, que sostén que o 15 de xaneiro recibiu da xefa de obra unha copia cos planos da nova ubicación da oficina do club, a principal modificación que segundo o goberno local lle tería pedido a directiva do C.R. Vilaxoán ao Concello en xullo.

Sobre a recolocación dun almacén da asociación veciñal que se empezou a construír na zona do centro destinada a uso deportivo, o presidente do C.R. Vilaxoán negou que fose a primeira a que pedira en xullo a súa reubicación. Tanto é así, que subliña: «A única premisa que pon o club antes das obras é que a zona deportiva fose de uso deportivo exclusivo» aproveitando os traballos de ampliación das instalacións municipais sobre solo de Portos de Galicia para trasladar ao outro lado da instalación a oficina que a asociación de veciños tiña ata entón na parte ocupada polas dependencias e zonas de adestramento e de almacén do club. E aquí é onde a longa paralización das obras cobraría sentido se se atende á versión presentada por Gelo Tarrío.

«O problema xorde cando se nos trata de impoñer o cuartucho de 2,5x2,5» para almacén da asociación. «Iso non estaba proxectado. Iso quixeron quitalo da manga eles», di o presidente do C.R. Vilaxoán. A súa resposta ao atoparse cos primeiros ladrillos foi, di: «Chamar a Miro. Non sabía nada. E ao día seguinte pararon as obras». Ata hoxe. 

«O día a día vivino eu», sinala Tarrío das conversas do club co Concello para concretar a parte que lle afectaba do proxecto de mellora do recinto, antes e durante as obras. Por iso, di contundente, «non me poden contar nada».

«Se me chama o alcalde, reunireime; co concelleiro, non»

Gelo Tarrío amósase moi molesto co concelleiro e responsable do ente municipal encargado da xestión do centro sociocultural e deportivo de Vilaxoán, a Fundación de Deportes. E iso porque, carga: «Miro non estivo nas reunións sobre as obras; fala de oídas». O presidente do club de remo conta que «nas reunións co Concello polo proxecto e polas obras o único membro do goberno local que participou sempre foi o alcalde, Miro en ningunha».

Tarrío desvela que o mércores foi inquirido a través dun directivo do club sobre a súa disposición a reunirse esa mesma tarde co alcalde, pero non podía. Falouse entón de facelo o vindeiro martes. Tras coñecer o comunicado de prensa municipal respecto á crise das obras, Tarrío di que «non sei se haberá reunión. Se me chama o alcalde, reunireime con el, pero terá que vir ao club. Se quere vir Miro, non, porque a min ninguén me chama mentireiro».