Os dous equipos enfían a permanencia compartindo a cabeza da Liga
27 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A División de Honra do tenis de mesa español iniciou este mes a súa Liga 2021/22. Fíxoo co Cambados T.M. e co Vilagarcía T.M. competindo outro ano máis na categoría de prata estatal, marcada por segundo curso por una peculiar distribución dos seus equipos, pasando dos seus dous tradicionais grupos a media ducia de subgrupos na primeira fase. Os tres mellores de cada tras as dez xornadas a dobre volta collerán o camiño cara a meta do ascenso á Superdivisión e os tres restantes deberán pelexar por evitar o descenso á Primeira Nacional.
Enrique Barreiro, presidente do Cambados T.M., e Antonio Castro, máximo responsable de Vilagarcía T.M., coincidían onte en falar da salvación como obxectivo compartido. Mais a realidade sitúa, despois de dúas xornadas de Liga disputadas, os dous conxuntos arousáns como os máis fortes do Subgrupo 1A neste momento, compartindo a cabeza da clasificación como únicos quen de ganar os dous compromisos disputados.
O equipo da vila do albariño estreouse o día 16 cun 5-1 sobre o Monte Porreiro Pub Patrimonio, impoñéndose 4-2 ao A.D. Vincios-Rosquillas Cristaleiro o pasado sábado. O seu veciño da capital arousá, pola súa parte, debutou cun 2-4 sobre este último, calcando o resultado este domingo no local de xogo do ETM Hotel Marqués de Santillana de Torrelavega.
Contra todo prognóstico, o Cambados T.M. disputaba a estraña pasada temporada a fase de ascenso. Pese ao precedente, a repetir cadro de xogadores e ao seu inicio de Liga, Enrique Barreiro chama á calma. E iso, porque «temos un equipo un pouquiño máis feble». Por dúas razóns. A primeira, que o cambadés Fernando Padín «non vai poder repetir connosco ata mediados de temporada por temas profesionais». A segunda, que Andrés Guillermo Correa «arrastra unha lesión nun ombreiro desde finais do ano pasado». Un problema que o club confía acabe de deixar atrás aproveitando as dúas semanas de parón que se abren na Liga. Lucas Eduardo Bayona e Daniel Casalderrey volven formar tamén este exercicio nas filas do Cambados T.M.
Igualmente repite equipo o Vilagarcía T.M. No seu caso, co veterano Sergey Nigeruk capitaneando unha vez máis a escadra, escoltado polo nixeriano Lawal Abiodum e polo canterano Pedro Castro.
Volta a normalidade dos club
Máis aló da marcha dos seus equipos de cabeceira, os dous clubs arousáns pódense felicitar de ter recuperado a normalidade no funcionamento de toda a súa estrutura, logo do trastorno que supuxo para todos as restricións e a parálise competitiva obrigada pola pandemia no curso 2020/21.
De feito, no caso do Cambados T.M., a entidade que preside Enrique Barreiro mesmo incremento nun 50 % o número de licenzas de xogadores e de equipos cos que contaba antes da pandemia, pasando dos 30 aos 45 tenistas e dos catro aos seis conxuntos federados. Entre eles, un feminino, logo dunha década sen contar cun en Cambados.
No caso do Vilagarcía, o club manexa nestes momentos 27 licenzas, con equipos competindo na Segunda Galega, Primeira, Segunda e Terceira Nacional ademais do cadro de División de Honra.