Aquilino Pardal e o dominio exquisito do buxo

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Aquilino Pardal expone sus esculturas en el centro comercial Arousa
Aquilino Pardal expone sus esculturas en el centro comercial Arousa Martina Miser

O escultor de Valga expón o seu traballo en madeira no centro comercial Arousa

19 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasa por ser o buxo a máis dura das moitas madeiras que afunden as súas raizames nesta terra de auga e granito. Cerne resistente e ideal para peóns e buxainas, o buxo non admite o erro en quen se atreve a moldealo. Medra a modo, cobrando en cada ano da súa lenta vida vexetal apenas uns centímetros. Dominala require unha habilidade notoria, da que Aquilino Pardal (Valga, 1944) é un afortunado posuidor. Escultor dende sempre, coa boa man do ebanista que se mantivo en activo durante décadas, Aquilino extrae da rexa madeira figuras capaces de remexer no inconsciente do observador co seu surrealismo non obstante delicado. Velaí o neno sen rostro que asoma entre as follas dun caderno, unha das imaxes máis potentes que propón, dende o centro comercial Arousa, unha interesante escolma do seu traballo.

«Pinto en óleo, tamén en acuarela e tinta china, pero ao preparar esta mostra decidinme pola escultura, se cadra porque a miña profesión é a de ebanista», explica o artista afincado en Vilagarcía. Son oito esculturas e unha maqueta de inspiración xacobea, que poderán contemplarse no centro comercial ata o día 30.

Martina Miser

O título, As ilusións cúmprense, ten pleno sentido para o autor: «Simplemente porque ser artista e poder expoñer foi a ilusión da miña vida», subliña. Imaxinar e esculpir a materia nobre á altura do que buxos de sesenta anos, mesmo centenarios, merecen non é un mérito menor.