Ravella atribúe a un cambio no proxecto o parón das obras do centro deportivo vilaxoanés

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Dous meses leva o Club de Remo Vilaxoán vendo paralizadas a reforma do centro sociocultural e deportivo no que ten a súa sede

02 nov 2021 . Actualizado a las 20:42 h.

Dous meses leva o Club de Remo Vilaxoán vendo paralizadas as obras de reforma do centro sociocultural e deportivo no que ten a súa sede. Un retraso que se suma aos tres meses longos de demora acumulados polo proxecto mesmo antes de comezar a empresa adxudicataria cos traballos correspondentes. E se en xaneiro foi a falta dun último permiso de Portos de Galicia, titular do terreo sobre o que se asenta a instalación municipal, a causa do adiamento, desta volta a orixe apuntaría outra vez ao ente da Xunta. Así a lo menos o asegura o goberno local de Vilagarcía, propietario do centro.

Preguntado sobre unha cuestión que está a impedir o reinicio da actividade da canteira do Vilaxoán, o executivo municipal explicaba onte que «en toda obra surgen imprevistos técnicos que, como tales, modifican los planes y plazos previstos. Y más, en obras públicas donde interviene más de una administración». Neste caso, «pese a ser un edificio municipal, al estar construido en una concesión de Portos, a instancias de este organismo, hubo que realizar alguna modificación en la distribución interna prevista inicialmente en las instalaciones para que Portos diera su conformidad». O goberno municipal conclúe sinalando que «esos cambios tienen que plasmarse mediante un modificado del proyecto que los técnicos están a punto de concluir».

O reinicio, pronto pero sen data

Así as cousas, desde Ravella asegúrase que «las obras se retomarán tan pronto como sea posible. Y dadas las circunstancias, se ejecutarán con la mayor celeridad», pero non debuxan ningún escenario temporal cuantificable en semanas, ou mesmo meses.

É precisamente esta indefinición a que levou a directiva do C.R. Vilaxoán, a través do seu presidente, Gelo Tarrío, a facer pública a situación de parálise da obra e denunciar a posta en perigo da volta á actividade da súa canteira, reducida polas restricións de ano e medio de pandemia. Con medio ano de retraso nas obras, Tarrío descoñece o impacto que poida ter na base do club non poder iniciar outro curso máis a pretemporada no club cando toca, en outubro.

Sobre este particular, o goberno local «entiende la preocupación del club por el retraso», pero rexeita as críticas do seu presidente cando di que o Concello só atende o coidado da Lomba e dos pavillóns municipais: «El compromiso del gobierno local con el C.R. Vilaxoán está suficientemente acreditado en estos años».