A parálise da reforma da súa sede impide reactivar a base do Vilaxoán

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O club leva dous meses agardando a que o Concello faga reiniciar as obras. O seu presidente, Gelo Tarrío, di que «A Fundación de Deportes só ten persoal para A Lomba e os pavillóns. O resto non existimos»

10 ene 2022 . Actualizado a las 22:43 h.

Desesperación e impotencia. Estes son os dous estados entre os que bascula o discurso do presidente do Club de Remo Vilaxoán. Desesperación por verse ás portas do mes de outubro sen un espazo no que dar cabida á súa canteira. Impotencia ante a falta de noticias desde o Concello de Vilagarcía sobre cando poderán volver dispoñer das instalacións municipais nas que o C.R. Vilaxoán vén desenvolvendo desde hai tanto a súa actividade, inutilizadas desde xaneiro por unhas obras de mellora paralizadas desde hai dous meses.

A familia do Vilaxoán iniciaba o 2021 con optimismo. No Nadal, a empresa adxudicataria do proxecto de reforma das instalacións náuticas sufragado polo Concello de Vilagarcía, propietario das mesmas, pedíalle ao club que retirase o groso das súas embarcacións para iniciar en xaneiro unha obra que, explica Gelo Tarrío, presidente do C.R. Vilaxoán, non debería requirir máis duns tres meses. Por diante, a ampliación do ximnasio e da capacidade de almacenaxe de embarcacións do local.

A sociedade de remo levou todos os seus bateis e traiñeiriñas a Fexdega, onde inda permanecen hoxe, deixando unicamente as traíñas na súa sede. Pero non foi ata marzo ou abril, non recorda ben Tarrío, cando comezaron a obrar debido, contáronlle, a un problema cun permiso de Portos de Galicia, titular dos terreos sobre os que se asenta a sede. Inda así, o problema maior inda estaba por vir, conta o directivo: «Tiraron dous tabiques e o falso teito a medias e montaron a estrutura para ampliar o ximnasio. E a mediados de xullo pararon».

A xente do C.R. Vilaxoán reuniuse «dúas ou tres veces co Concello e dixéronnos ‘Si, si, si’ pero os feitos son que ‘Non, non, non’» se dá retomado a reforma, di Tarrío. E o venres da semana pasada, engade, «falei coa arquitecta da obra e díxonos que está parada porque están pendentes do Concello», sen entenderlle se é por algún tipo de aclaración sobre o proxecto técnico ou por razóns orzamentarias.

O principal problema para o Vilaxoán, expón o seu presidente, é o tremendo dano que lle causa o retraso ao corazón do club. «Tiñamos que empezar a pretemporada das categorías inferiores en outubro. Esta última temporada o traballo coa canteira xa foi daquela maneira», sinala Tarrío, sacando á auga tan só catro bateis da base coas embarcacións almacenadas terra dentro, en Fexdega. «Entre a pandemia e as obras levamos dous veráns sen poder traballar a xeito coa canteira nin poder organizar a escola de verán». E iso son palabras maiores, que poñen en perigo a continuidade da entidade, advirte o seu presidente: «Antes da pandemia tiñamos entre 100 e 110 fichas de remeiros na base; este ano 35-40».

Dura crítica ao Concello e a súa Fundación de Deportes

A embarcación do C.R. Vilaxoán rematou a Liga Galega de Traíñas A, a máxima categoría do remo de banco fixo da comunidade, na sétima praza dunha clasificación con doce clubs participantes. A marcha do grovense José Ángel Cambados, Truco, do posto de adestrador obrigou a unha dura temporada de transición, na que o equipo vilagarcián perdeu a metade dos 24 remeiros cos que contaba no 2020, saíndo a competir este ano con tan só 15 e un home da casa, José Luis Patiño, Alika, estreándose en funcións técnicas aos seus 44 anos. Un panorama que a parálise das obras de reforma das instalacións do club non fixo máis ca endurecer: «Este verán os séniores estiveron facendo o traballo de terra na súa casa, coma durante o confinamento pola pandemia, e só se xuntaban para saír á auga», relata Gelo Tarrío.  

Con todo, o directivo reitera que a razón de ser do club é «formar os nosos propios remeiros desde a base ata a traíña». Por iso, e recordando a caída en picado do número dos seus canteiráns, Tarrío carga duramente contra os responsables do Concello e do seu ente xestor das instalacións deportivas municipais: «A Fundación só ten persoal para A Lomba e os pavillóns. O resto non existimos». E advirte que «se ao Concello non lle importamos, se tira 20 anos de traballo de directivas, tocarános empezar de novo».