Vilagarcía busca 20 participantes para os novos obradoiros de emprego Forme

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Ofértase un módulo de atención sociosanitaria e outro de electricidade

17 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Vilagarcía vén de recibir a confirmación da probación por parte da Xunta do proxecto do obradoiro de emprego Forme 21, razón pola que inicia o procedemento para a selección do alumnado e do persoal docente que participará nesta nova edición do programa dual de emprego. Un total de vinte persoas en situación de desemprego poderán participar en calidade de alumnos no obradoiro que inclúe os módulos de «Atención sociosanitaria e teleasistencia» e de «Montaxe e mantemento de redes eléctricas e sistemas demóticos e inmóticos», con dez prazas cada un. O obradoiros comezarán a impartirse a mediados de outubro e os alumnos recibirán unha formación de nove meses, período no que percibirán un salario.

Na parte práctica da formación, o alumnado terá que desenvolver traballos de fin social a desenvolver no eido da administración local e que lles permitan tomar contacto sobre o terreo coas labores e funcións para as que se están preparando profesionalmente. Os alumnos de Atención sociosanitaria realizarán estas prácticas na Área de Servizos Sociais do Concello, colaborando na atención sociosanitaria e axuda a domicilio en base ás distintas patoloxías a usuarios dos Servizos Sociais e tamén xestionando chamadas de teleasistencia dos usuarios das concellerías de Muller e Seguridade Cidadá.

Os alumnos da outra especialidade realizarán prácticas no servizo municipal de Electricidade efectuando traballos de instalación eléctrica de alumeado público soterrado e aéreo, e de instalación de sistemas demóticos e inmóticos en infraestruturas e rúas de titularidade municipal.

Ao rematar o obradoiro, os alumnos recibirán os correspondentes certificados de profesionalidade que se esixen na actualidade para optar a este tipo de traballos.

Os interesados en participar no Forme 21 como alumnos deben estar inscritos como demandantes de emprego do Servizo Público de Colocación cos códigos de especialización indicados, a efectos de que sexan incluídos na lista de aspirantes. Posteriormente realizarase a selección definitiva entre aqueles que se axusten ao perfil recollido na Orde que regula os obradoiros.