A Anpa do colexio San Tomé pide vixilancia policial fronte ao vandalismo

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O recinto convírtese, con periodicidade alarmante, nun espazo para o botellón

15 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nin hai inda un mes a dirección do colexio San Tomé facía un chamamento público ao Concello para que prestase maior atención ante a reincidencia da celebración de botellóns nos exteriores do recinto escolar, que amencían cheos de refugallos cando non directamente con desperfectos no mobiliario destinado preferentemente ao uso e goce dos seus escolares. Onte a presidenta da Anpa do centro, Inés Meaño, reuniuse coa alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, para trasladarlle unha petición: «Que a Policía Local pase polo centro de noite as fins de semana e que identifique a xente que se encontre no recinto. Que non pasa nada? Pois nada. Que si? As persoas que alí estiveran estarán identificadas».

Para a Anpa do San Tomé, esta é a única saída para poñer fin a unha problemática que, denuncian, leva sucedéndose varios anos pero que por riba non deixa de ir a máis.

A presidenta do colectivo de nais e de pais de alumnos recorda que «desde hai uns anos o exterior do colexio se utiliza como vía de paso dos rapaces que van ao instituto. Algúns, a maioría ex alumnos do noso centro, quedaban entre semana polas tardes alí. Pero a esas horas había por alí profesores e movemento polas actividades extraescolares. Pero desde hai 3-4 anos as xuntanzas pasaron ás fins de semana. Correuse a voz, e de 4-5 rapaces que viñan antes agora fano pandillas enteiras. Sobre todo desde que colocaron unha pista de fútbol». E aí é onde se tería producido un punto de inflexión ante o que as nais e pais do San Tomé din basta: «Rompen valados, usan o mobiliario para facer skate... e desde este verán xa é un punto fixo de reunión. En xuño colocáronse dous parques infantís novos e non nos deu tempo a estrealos. Un día atopamos un tobogán cun buraco. A Anpa compramos mesas de merenda e atopámolas unha vez si e outra tamén cheas de todo, envases de comida, de tabaco, preservativos, restos de marihuana...». Imaxe lamentable que agora se atopan os nenos do centro ao chegar os luns á clase, ás veces xunto a pintadas ou persianas rotas.