Ravella abre o prazo para solicitar axudas para estudos universitarios e ciclos superiores

La Voz

AROUSA

MONICA IRAGO

O Concello de Vilagarcía reservou 60.000 euros para estas bolsas

14 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Boletín Oficial da Provincia publicou onte as bases da convocatoria das axudas municipais aos estudos universitarios e de ciclos superiores de FP que concede o Concello de Vilagarcía a estudantes da vila. Como nas edicións anteriores, as axudas ascenden a 400 euros para alumnos de estudos universitarios e de 200 para os demais incluídos na convocatoria. As solicitudes, xunto coa documentación que figura nas bases, deberán presentarse a través da sede electrónica do Concello (sede.vilagarcia.gal). O prazo ábrese hoxe mesmo e remata o 17 de outubro. O Concello dispón dunha partida de 60.000 euros para financiar estas bolsas de estudos.

A convocatoria refírese a estudos realizados durante o curso 2020/21. Por iso, ademais de estar empadroados en Vilagarcía, un dos principais requisitos para acceder a estas subvencións é que, en caso de estudos universitarios ou de nivel similar, os alumnos teñan cursado un mínimo de catro materias anuais ou un mínimo de 30 créditos por curso. No caso dos ciclos superiores esíxese que os estudos se realizasen na modalidade de dedicación a tempo completo. E en ámbolos dous casos, para recibir a axuda terán que xustificar ter superado, polo menos, a metade das materias nas que estivesen matriculados.

Esta é a sexta convocatoria desta liña de axudas ao estudantado, creadas para garantir a igualdade de oportunidades no que á formación e estudos se refire. Por iso, as axudas concédense en base aos niveis de renda familiar, segundo trasladou onte o Concello de Vilagarcía.