O Arousa encara a terceira xornada co xusto para manexarse co Llanera

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

ADRIÁN BAÚLDE

Otero dá por perdidos a Cobo e a Róber e practicamente tamén a Diz e a Piay

14 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A segunda vitoria en dous partidos sitúa o Arousa colíder do Grupo 1 da Segunda División R.F.E.F., empatado na clasificación a 6 puntos de 6 posibles cos outros dous únicos conxuntos que poden presumir de pleno de triunfos: o Unión Adarve, primeiro na táboa pola súa maior produción goleadora -6 tantos a favor e 2 en contra- e o Salamanca C.F., o outro equipo xunto co cadro arlequinado que mantén a súa portería a 0 logo dos 120 primeiros minutos de Liga.

Motivos, pois, non faltan no vestiario da Lomba para debuxar un sorriso nas caras dos xogadores e axudantes do corpo técnico de Jorge Otero. Pero a cara da moeda atopa a cruz nos problemas de efectivos que se lle comezan a acumular ao adestrador do Arousa. E o que é máis preocupante, pendentes de coñecer o alcance das lesións que o porteiro Álex Cobo e o extremo Róber sufriron na primeira parte do choque do domingo co Marino de Luanco. Ambos os dous se someten hoxe a cadansúas probas médicas para coñecer en que medida teñen danados os xeonllos que se mancaron no campo do cadro asturiano.

Álex Cobo recordaba onte a acción que obrigou o seu relevo: «Fue en una parada que hice a la derecha. Se me quedó la pierna y la rodilla se me fue hacia dentro. Noté un crujido y dolor. Intenté levantarme y cuando intenté apoyar la pierna ya vi que no iba». Onte o gardamallas arlequinado apenas tiña a articulación inflamada, pero si «la tengo bloqueada», di, ademais de sentir «bastante dolor».