Festivala: unha ferramenta máis necesaria ca nunca a prol da igualdade de xénero

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

ADRIÁN BAÚLDE

O recordo de Teresa Cuíña e de Isaura Abelairas protagonizou parte do acto

19 sep 2021 . Actualizado a las 20:11 h.

Será a fin de semana que vén cando Vilagarcía se tinga forte de lila para poñer no foco, coa alegría e o positivismo da creación artística, a reivindicación dunha sociedade que visibilice por igual as mulleres nun mundo, criticaban onte desde a Praza de Galicia, que segue a contar maioritariamente con referentes masculinos en todas as parcelas da vida compartida. Con todo, a quinta edición do Festivala arrincaba onte no corazón de Vilagarcía coa apertura de As mulleres (que) contan, a exposición ao aire libre coa que ata o día 25 a asociación O Soño de Lilith quere descubrirlles aos vilagarciáns as figuras de profesionais e de persoeiras locais de diferentes eidos da comunicación.

Foi a presidenta do colectivo feminista, Daisy Alcalde, a encargada de abrir a quenda de discursos, que compartiron dous fíos argumentais. A conciencia da necesidade máis ca nunca dunha proposta como Festivala. E o recordo e profundo sentimento de perda e de orgullo polas figuras de Isaura Abelairas, política socialista con diferentes cargos de representación institucional ao longo da súa carreira, e a activista Teresa Cuíña, que tanto fixo pola emancipación da muller no rural vilagarcián.

Alcalde lembrou que o Festivala naceu coma reacción ante «a ausencia de mulleres no espazo público» e que «visibilizar as mulleres como referente social» segue a ser a súa meta. De aí, contou, a decisión do Soño de Lilith de dedicarlles a nova edición ás comunicadoras locais e descubrirlles a moitos, quizais a maioría dos seus veciños, cousas como que entre eles «hai académicas de cine e mulleres que traballaron en La casa de papel», a serie española de ficción de maior éxito mundial da historia. Alcalde foi a primeira en recordar a Abelairas e a Cuíña.