Non te fies de Aerolíneas, hai cousas que si son o que parecen

Carlos crespo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Mónica Irago

Verto, Tanxugueiras e Los Rastreadores amosaron que hai unha nova xeración de artistas galegos que asaltaron os palcos

11 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Inculcaron Aerolíneas Federales a máis dunha xeración de rapaces galegos, a través do Xabarín, a idea de que «Non, non. Non todo é o que parece, amigo». Mais vai sendo hora de trocar o dito. Claro que hai cousas que son o que parecen. Mesmo que parezan marabillosas de máis. Como a proposta que nesta edición plantexaba o Revenidas, centrada nunha máis que atinada combinación de talento autóctono, unha sorte de selección galega da música, na que se combina o tenaz valor da experiencia coa frescura e ousadía desas perlas a piques de estoupar, que custarán millóns dentro de ben pouco. Semellaba que podía ser a bomba. E vaia se o foi. Dende o primeiro momento.

A xornada inaugural do Revenidas deixou un par de cousas claras. O relevo xeracional en canto a música se refire, en Galicia xa é unha realidade. Poderán, dende logo -e incluso atrévome a dicir que deberán-, convivir os gurús da vella garda con esta nova fornada de artistas, astutos e desprexuizados. Pero non ten xa sentido unha proposta musical colectiva que obvie o que está a acontecer con figuras tan variopintas e diversas, ao tempo que excitantes, como Verto, Tanxugueiras ou Los Rastreadores, por citar os tres que o xoves pasaron polo escenario vilaxoanés.

Con frecuencia se critica, e non sen certa razón, que os carteis da maioría dos festivais indies semellan clonados. Algo así podería terlle pasado tamén ao Revenidas, que conta cun target aparentemente ben definido. Máis non foi o caso. O Revenidas foi quen de, sen traizoar a súa esencia, xa non digo adiantarse, pero si ir cos tempos. E como di o noso bardo Pondal, «os tempos son chegados». E soan ao que soan. Con maior ou menor fortuna, con maior ou menor talento, os arroladores Verto, as arrebatadoras -e aínda o han de ser máis- Tanxugueiras e os irreverentemente festivos Los Rastreadores amosaron que si, que isto é o que parece. Hai que pensalo moi ben.

O programa para hoxe

O Revenidas ponse hoxe en modo «avante toda»: abre todos os seus escenarios e éncheos con propostas do máis variado. En total, serán catro os puntos de interese ao redor dos que pivotarán os eventos de hoxe: os catro focos dende os que se irradia cultura e música a toda a vila.

Empecemos o percorrido polo escenario Mahou, que abre as súas portas ás once da mañá. Media hora máis tarde, acollerá o concerto de A Banda da Loba, formación feminina de complicado encadramento no musical, pero sempre comprometida coa literatura e a causa feminista. Á unha e cuarto será o turno de Guadi Galego, que vén a presentar un dos espectáculos máis completos que se viron este ano nos escenarios galegos.

No escenario Deleite, o cómico Paco Nogueiras, presentará Extra!, un espectáculo baseado nun libro-cedé co que comparte título. A actuación arrincará ás sete da tarde, e a entrada será gratuíta ata completar aforo; neste caso non fai falla ter realizado unha reserva previa.

E chega a hora

Unha das xoias do Revenidas son os concertos a bordo do Chasula, este ano moi limitados por mor da pandemia. Desta volta, os asistentes poderán vivir esta experiencia marítima única. Hoxe, a primeira saída será ás once da mañá e a música correrá a cargo de Pauliña. Haberá outra ás 15 con Dakidarría en acústico. E unha máis ás cinco da tarde con Xiana e Andrea, compoñentes de A Banda da Loba. Pola noite chegan os concertos: O Rabelo ás 20.40 horas, Talco Maskerade ás 21.30 horas e, xa para pechar, Boyanka Kostova, ás 23.25 horas.