Revenidas arrinca a maquinaria musical tras o bautizo oficiado por Xurxo Souto

Rosa Estévez
r. estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Mónica Irago

Despois de acompañar a Souto polos camiños deste pobo mariñeiro, houbo demostración de cociña en vivo e música escollida pola Duendeneta

09 sep 2021 . Actualizado a las 09:43 h.

Un ano máis, a palabra sentida de Xurxo Souto foi a chave que levou a un bo grupiño de persoas a descubrir Vilaxoán. O roteiro imaxinado -a chuvia obrigou a facelo no fogar do pescador- puxo onte a primeira pedra do camiño que esta fin de semana recorrerá o festival Revenidas. Despois de acompañar a Souto polos camiños deste pobo mariñeiro, houbo demostración de cociña en vivo e música escollida pola Duendeneta. Probablemente fóra esta a mellor maneira para iniciar unha edición que hoxe pon en marcha a súa maquinaria musical. Faino coa celebración dos tres primeiros concertos do escenario Xacobeo 21-22. Ás 20.20 horas dará comezo o primeiro: Los Rastreadores serán os seus protagonistas.

As segundas en aparecer en escena, ás 21.40 horas serán Tanxugueiras, a formación que está a revolucionar a escena e os conceptos da música tradicional galega, mesturándoos co electrónico e con propostas e estéticas chegadas do mundo do urbano. Olaia e Sabela Maneiro, e Aida Tarrío son mulleres fortes, valentes e empoderadas.

A primeira xornada do Revenidas pecharase con Verto, que subirán ao escenario ás 23.20 horas. Verto son a gran revelación da música galega neste 2021. A súa carta de presentación, tras un par de singles que causaron furor entre a rapazada, é Embora, un disco que é toda unha apoloxía do baile e do espírito lúdico, non exento dun reconfortante sentido do humor. Ademais dos tres concertos no escenario principal, a programación do Revenidas tamén conta cunha cita para todos os públicos no escenario Deleite, ubicado na praza Rafael Pazos. Será ás 19 horas con entrada gratuíta ata completar o aforo e sen necesidade de reserva previa. Félix Rodríguez e Fran Rei presentarán Saaabor!, un espectáculo cómico para todos os públicos.