Un grupo de peregrinas de Benidorm fan parada en Vilaxoán na súa ruta a Santiago

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Anémona Marina Baixa é unha asociación creada en 2020 por un grupo de mulleres que tras superar o cancro decidiron axudar a outros afectados a afrontar a enfermidade

08 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Vilagarcía recibiu ao grupo de mulleres de Benidorm que está a facer a peregrinación a Santiago de Compostela como forma de solidariedade coas persoas enfermas de cancro. As integrantes do grupo de remo Anémona, composto por mulleres que xa superaron esta enfermidade, visitou as instalacións do club de Remo Vilaxoán. Ao fronte da delegación de Bedidorm estaba a concelleira desa localidade, Cristina Escoda Santamaría.

Anémona Marina Baixa é unha asociación creada en 2020 por un grupo de mulleres que tras superar o cancro decidiron axudar a outros afectados a afrontar a enfermidade, para o cal organizan diferente tipo de actividades. O «Reto Camiño de Santiago» é unha delas. Dado que o grupo está integrado no club de remo do Club Náutico de Benidorm, o reto consistía en recorrer o traxecto por mar que une estas dúas localidades, para o cal a expedición que estaba facendo a ruta facía de guía ás persoas que dende a súa cidade as acompañaban virtualmente cubrindo os quilómetros con máquinas de remo. Na penúltima etapa, as mulleres coñeceron as traíñas e incluso remaron a bordo dunha delas antes da súa chegada a Padrón para continuar a pé a última etapa desta orixinal peregrinación.