Chegan a O Grove os oito participantes nun campo de voluntariado ambiental

La Voz O GROVE / LA VOZ

AROUSA

concello do grove

Realizarán traballos de retirada de especies invasoras, recuperación de observatorios de aves e tamén terán tempo para o ocio

03 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un ano máis, o Concello do Grove participa no campo de voluntariado «A terra que habita no mar», organizado pola Consellería de Política Social dentro do programa xuvenil «O verán que necesitas». Arrincou o mércores e prolongarse ata o día doce. Os participantes, oito persoas de entre 18 e 30 anos, estarán aloxados no Cámping Fieitás. Onte mesmo, foron recibidos no Concello, onde a concelleira de Medio Ambiente, Ángeles Domínguez, lles deu a benvida a unha experiencia que lles permitirá coñecer, dun xeito ben particular, a realidade do Grove.

Igual que xa aconteceu en anos anteriores, os participantes no campo de voluntariado traballarán en varias accións de carácter medioambiental. En concreto, realizarán traballos de limpeza e extracción de especies vexetais invasoras, como a uña de gato ou a margarida africana; de recuperación de estruturas de observación ornitolóxica, e de deseño e colocación de carteis interpretativos nas diferentes zonas de actuación en que se desenvolva o campo.

Todas esas labores serán desenvolvidas por un grupo de persoas que este ano, por mor do covid, chegan unicamente doutros puntos de España. En concreto, catro das persoas que toman parte no campamento son galegas, unha vén do País Vasco, ademais de Ávila, Navarra e Zaragoza. «Orixinariamente o ámbito do campamento sempre foi internacional, pero por culpa das medidas provocadas pola crise sanitaria este ano mudou», explican dende a organización.

As persoas que participan neste campo de voluntariado serán compensadas polo traballo realizado. En concreto, o seu esforzo será premiado con aloxamento e manutención no Cámping Fieitás, e mais coa realización de actividades turísticas, culturais, lúdicas e deportivas ofertadas por esta empresa e polo Concello do Grove.