O Salnés foi a comarca galega líder na baixada do paro no mes de agosto

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Impulsada pola industria e polos servizos, contabilizou unha caída do 3,76 % con 214 desempregados menos. O Grove encabeza os bos datos, cunha redución do 14,3 %

02 sep 2021 . Actualizado a las 21:27 h.

A extraordinaria campaña de verán vivida no Salnés vén de quedar constatada nos datos de paro rexistrado nas oficinas públicas de emprego referentes a agosto. Con 214 persoas menos na procura dun contrato, O Salnés elevouse en comarca líder na baixada do desemprego no conxunto de Galicia o mes pasado, superando a de Vigo, segunda con -191.

Falamos dunha caída do paro do 3,76 % no conxunto dos mercados laborais de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Meis, Meaño, Ribadumia, Cambados e O Grove, que pasaron de 5.684 desocupados nas listaxes das oficinas públicas de colocación a 5.470. Un 3,76 % que supera con creces o -0,44 % da media galega e tamén o -2,4 % do conxunto de España.

Dous foron os sectores que sustentaron a excelente dinámica laboral no Salnés nun mes, agosto, tradicionalmente marcado polo impacto nas estatísticas da finalización dos contratos da campaña estival. Os servizos absorberon 141 desocupados na comarca, situándose en 3.632 (-3,74 %) e a industria experimentou unha caída do paro que rozou os dous díxitos, dun 9,57 %, quedando o número de profesionais na procura dun posto remunerado en 690. Tamén mellorou o sector da agricultura e pesca, que pasou de 358 a 340 parados (-18). Só a construción deu malas novas, con 20 desempregados máis, para un total de 422.