A completa axenda paralela que nos regala As Revenidas

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

ADRIÁN BAÚLDE

03 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Achégase o tempo das Revenidas, un festival empeñado en ser moito máis que unha sucesión de concertos -por moito que todos eles paguen a pena. O programa, vertebrado arredor de Vilaxoán, da súa historia e dos seus costumes, enriquécese cun feixe de actividades paralelas e «de carácter cultural, lúdico e infantil», que se desenvolverán entre o mércores que vén e o domingo día 12. Todas contan co patrocinio de Deleite.

Empezan estas Revenidas paralelas cunha cita que sempre paga a pena: a oportunidade de redescubrir Vilaxoán da man de Xurxo Souto. O roteiro arrinca ás seis da tarde da praza Rafael Pazos. Serán 25 as persoas que, polo covid e as restricións, poidan seguir os pasos do artista e escritor pola vila. A actividade non te custe pero para participar nela é preciso obter a entrada a través da web do festival (revenidas.com).

Tamén o mércores, tamén na Rafael Pazos, comeza ás nove da noite unha sesión da Duendeneta by Fest Galicia. O xornalista e crítico musical Carlos Crespo realizará un percorrido polo pasado, presente e quen sabe se tamén polo futuro da música en galego dende a discomóbil vintage.

Saltamos de día, pasamos ao día 9, as sete da tarde, cando Félix Rodríguez e Fran Rei presentarán Saaabor!, un espectáculo cómico para todos os públicos que mestura música, maxia, humor, ritmo e participación do público, co mundo da gastronomía de fondo. O venres 10, tamén ás sete, chegará un dos artistas imprescindibles no Revenidas: Peter Punk. O personaxe que encarna Isaac Rodríguez Miranda, un dos clowns de referencia en Galicia, presentará un renovado espectáculo para todos os públicos cun humor traste, fresco e irreverente. Paco Nogueiras será o protagonista da actividade do sábado 11, cando as sete da tarde presentará Extra!, un xornal musical no que teñen cabida as novas máis curiosas, os temas máis diversos e os sucesos máis especiais, sempre con ritmo e humor. As actividades paralelas do Revenidas péchanse o domingo, ás sete con Desastronauts, un espectáculo de voadores e cheo de humor a cargo de Raquel Veganzones e Girisho Gordon.