Corvillón tamén perderá a sucursal de Abanca 

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

Bea Costa

O PSOE de Cambados pídelle solucións a Feijoo ante o desmantelamento do tecido de oficinas bancarias no rural

27 ago 2021 . Actualizado a las 20:43 h.

A sangría que supón o peche de sucursais bancarias chega a Cambados. A alcaldía desvelou onte os plan de Abanca para pechar a sucursal que ten en Corvillón o 22 de setembro, e no PSOE xa expresaron o seu malestar. «O grupo socialista de goberno expresamos a nosa protesta e a esixencia de que se manteña o servizo cara á veciñanza e, moi especialmente cara as persoas maiores, que agora vense obrigadas a desprazarse ata o centro de Cambados», indican a través dun comunicado.

«Se ben é certo que Abanca informou ao persoal que vai ser recolocado na oficina de Cambados, queremos garantías de que isto vai ser así con carácter definitivo e non se mermen, por tanto, os dereitos do colectivo de traballadoras e traballadores». Alegan desde o goberno local que esta medida vai en detrimento dos servizos aos seus veciños e esixen á Xunta de Galicia que adopte as medidas lexislativas e administrativas para frear a clausura de oficinas bancarias no rural de toda Galicia. «O Goberno galego, por moita amizade que o señor Feijoo teña co señor Escotet, non pode permanecer calado e inactivo máis tempo. O desmantelamento das oficinas bancarias rurais é un grave golpe ao mantemento da poboación no rural e non é outra cousa que unha manifestación máis do desleixo da Xunta de Galicia».

O PSOE amosa tamén a súa preocupación ante a posibilidade de que a Xunta subvencione a instalación de caixeiros automáticos naqueles municipios que quedaron sen oficinas, «xa que consideramos que esta medida pode mesmo ser contraproducente, na medida en que se facilita ás entidades bancarias a súa fuxida do rural».