O que os dj's poden facer polo galego

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CATUXA PRIETO

Vilagarcía acolle un foro de debate e case tres horas de música

27 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Son esa xente que decide que música soa en pubs, en discotecas, en quioscos de praia. Esas persoas que poden acadar facer dun tema, un éxito. Os vixías da banda sonora coa que se move a mocidade. E malia todo iso, son poucas as veces nas que os dj’s son tidos en conta á hora de deseñar políticas de difusión da cultura galega e, sobre todo, do idioma. Desta cuestión vaise falar mañá en Vilagarcía. Á noitiña, cando o reloxo marque as 21 horas, arrancará un foro sobre os dj’s e a música galega que vai reunir a cinco destacados nomes da escena musical galega. Un coloquio e unhas boas racións de música danlle forma ao programa presentado este xoves na Cidade da Cultura.

No foro tomarán a palabra Eme dj, «a disioquei galega de maior proxección». Xunto a ela participarán o músico, promotor e dj Manuele Caamagno, o xornalista e dj Carlos Crespo, a vilagarciá K dj e o divulgador Pepe Cunha, director do programa radiofónico Ábrete de Orellas. «Consideramos de transcendental importancia reflexionar en torno ao papel que os dj’s poderían desenvolver na difusión da música que se fai en Galicia e en galego, e tratar de implicalos nesa tarefa, amosando que a calidade, variedade e actualidade da nosa música, en calquera estilo, podería e debería ter cabida nas súas sesións e, polo tanto, debería escoitarse en todos los lugares da nosa xeografía», explican os organizadores do evento.

Unha demostración práctica

Diso falarase na mesa redonda, que se prolongará ata as dez da noite. A partir de aí, cada un dos invitados fará unha sesión de música en galego de corenta minutos dende A Duendeneta, a discoteca móbil vintage que fará as veces de cabina. As sesións irán consecutivamente enlazadas, creando un set de música en galego de case tres horas, ao obxecto de amosar dun xeito práctico as potencialidades da música do país e dos seus artistas, así como a dos propios dj’s e dos grupos que vaian soando.