A pesar da claridade normativa e, aínda máis, das continuas recomendacións das asociacións do sector e dos fabricantes -en 2020 matriculáronse en Europa máis de 200.000 autocaravanas e campers- e por sentido común, o habitual é ver facer vida neste tipo de enxeños nos lugares máis fermosos, máis recónditos e nos máis inesperados, sen ningún tipo de servizo. En Galicia -cfr. D. 159/2019- está prohibida a acampada turística fóra dos cámpings ou de instalacións de acollida para autocaravanas e caravanas, consistentes en espazos de terreo delimitados, dotados e acondicionados, abertos ao usuario turístico para a ocupación transitoria por unha noite. As razóns éticas, cívicas e de urbanidade non paga a pena traelas aquí, por non parecer estar ao alcance destes infractores analizar o egoísmo de actuar así. Así pois, resumindo: en autocaravana, como en caravana -non hai diferenza- está permitido circular e estacionar, pero de ningún xeito acampar, non sendo dentro de cámpings ou en espazos municipais habilitados, nestes só unha noitada.
A modo de exemplo, no municipio onde resido o miradoiro da Lanzada, as praias, particularmente as de Canelas, Con Negro e Barreiro, ínzanse verán e inverno, con esta ocupación antirregulamentaria, con casos flagrantes como a zona de aparcamento do istmo da Lanzada, invadida e usurpada por autocaravanas e campers. É un espazo de dominio público marítimo terrestre, no que o uso como vivenda está, tamén, expresamente prohibido e, sen embargo, practícase e permítese, dun xeito irresponsable. Como en Con Negro, cun asentamento case permanente.