Teresa Portela recibe este mércores unha homenaxe do Concello e do deporte do Grove

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Oscar Vázquez

O acto celébrase ás 20.30 horas diante do consistorio

10 ago 2021 . Actualizado a las 22:05 h.

Cos ecos da súa medalla de prata conquistada o 3 de agosto na canle Sea Forest de Toquio soando inda como o primeiro día a milleiros de quilómetros, Teresa Portela Rivas poderá sentir na tarde deste mércores a profunda e sincera ledicia que O Grove, o seu pobo de adopción, sentiu e sinte pola súa deportista máis ilustre. A piragüista que redondeou a estrea da súa marca de olímpica española con máis participacións nos Xogos, seis, coa súa primeira medalla na maior cita do deporte mundial. Aos 39 anos, nun K1 200, proba de velocidade.

Este mércores, desde as oito e media da tarde no palco instalado diante da casa consistorial, Teri Portela gozará do recoñecemento conxunto organizado pola Asociación do Deporte Meco (ADM) e mais polo Concello do Grove. Dúas entidades que descubriron o seu interese mutuo por organizarlle á caiaquista un acto no que canalizar a mensaxe de «apoio e de cariño» do pobo grovense a quen leva anos sendo unha veciña máis. Casada co meco e excanoísta olímpico David Mascato, co que rexenta unha clínica de fisioterapia no municipio, no que están a criar a súa filla, Naira (7 anos).

Desde a ADM e o Concello salientan o aprezo que por ambos os dous, Portela e Mascato, se ten entre os veciños da localidade arousá. As dúas entidades faránlle entrega duns detalles á subcampioa olímpica durante a homenaxe.

Medalla de ouro do Breogán

Máis aló dos detalles apuntados, a directiva do club de piragüismo local, o Breogán do Grove, vén de acordar a concesión da Medalla de Ouro da entidade a Teresa Portela. A insignia serálle entregada á subcampioa olímpica na homenaxe deste mércores por un representante do Breogán do Grove.