Hostelería e turistas nin poden ser depredadores mutuos, nin consumir a natureza
08 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Estamos nos teóricos días de máis afluencia do turismo estacional na nosa comarca-rica en recursos naturais, patrimoniais, gastronómicos- onde cada municipio, aínda que hai que ver a comarca en conxunto, pode acoller xeitos diversos de viaxar. Así pódese un exhibir no escaparate, multitudinario e asfixiante, do paseo de Silgar, ou recorrer os dous quilómetros -canta maleza pola estrada, que mal coidada!- das fermosas praias entre A Lanzada e A Barrosa, aderezadas cuns excesivos vinte chiringuitos de verán, ou pasear polas rúas Príncipe e Real de Cambados para desembocar na intemporal Praza de Fefiñáns, ou mergullarse na calma da Ruta da Pedra e da Auga para facer un alto contemplativo no mosteiro da Armenteira. E moito máis. Pero o que se aprecia, nuns e noutros lugares, é a dobre necesidade, urxente, de actualizar os hábitos do visitante e os servicios que se lle prestan. Viaxeiro e hostaleiro non se poden considerar como mutuos saqueadores. O turista ten que deixar, polas boas ou polas malas, de comportarse como un depredador, particularmente dos bens naturais e patrimoniais e asumir que a natureza da que vén gozar debe manter as mesmas calidades despois do seu paso. Neste senso asombra, por exemplo, a ocupación con automóbiles -non fai falta nomear a praga do autocaravanismo descontrolado- que se fai desde A Lanzada ata A Barrosa ou na zona de Con Negro e Barreiro en San Vicente, ou en lugares diversos da Illa: cóntanse por milleiros os coches aparcados de calquera xeito sen que ninguén reciba ningún tipo de ingreso por esa ocupación desordenada, a pesar de que os Concellos teñan que preocuparse de manter eses lugares para que continúen a ser visitables despois de cada invasión.
Urxe dotar de espazos, ordenados e de pago, para aparcamento como ocorre en moitos outros destinos turísticos e, por que non, fixar límite de rutas en coche particular, para evitar restrinxir visitantes, na busca dun uso racional e satisfactorio dos recursos. Pero tamén é preciso avanzar na calidade dos servizos, que ás veces, vense obsoletos e nalgúns casos depredadores, sen que pareza ter importancia que a menor nivel de servizos, menor nivel do visitante e, polo tanto, empobrecemento progresivo. Nese senso a Organización Mundial do Turismo insiste en pedir o establecemento de normas de boas prácticas para xestionar a hostalería con criterios que teñan en conta factores ambientais e sociais fomentando, por exemplo, sistemas de auga e enerxía sostibles, evitando desperdicio de alimentos e degradación ambiental ou promovendo a igualdade de xénero; e, ademais, advertindo, con alarma, que as chegadas de turismo internacional en todo o mundo caeron en 2020 en mil millóns de visitantes e que o 2021 vai polomesmo camiño, pondo en perigo, 120 millóns de empregos turísticos. E, por suposto, esa necesidade de equilibrio, ordenación e modernización dos servicios empeza por buscar novas posibilidades de desenvolvemento. Nese camiño, tamén a modo de exemplo, anotar que o pasado 15 de xullo a OMT, en colaboración coa ONCE española, publicou a primeira Norma Internacional UNE sobre turismo accesible para todas as persoas en igualdade de condicións, subliñando que na Unión Europea existe un negocio potencial de 80 millóns de persoas con algunha discapacidade e de 130 millóns incluíndo aos acompañantes. Un mercado en progresión pola pirámide de idade europea, pola extensión do estado de benestar e porque hai máis de mil millóns de persoas con discapacidade en todo o mundo. Toca, pois, repensar a actividade turística, pero tamén ordenar aos turistas.