EU pide máis facilidades na Festa do Marisco para as persoas en cadeira de rodas

La Voz 0 GROVE / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Instan aos organizadores a que instalen, como mínimo, unha caixa a nivel do chan

04 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A agrupación local de Esquerda Unida do Grove rexistrou esta semana unha serie de propostas de accesibilidade e seguridade de cara a súa implantación na próxima edición da Festa do Marisco. Susana Millán lembra que o 90 % das propostas «xa foron realizadas no 2019, pero finalmente a gran maioría quedaron sen executar». Agora lembra que «as nosas propostas están enriba da mesa dende hai dous anos e que, naquel entón, o alcalde vía con bos ollos as iniciativas aportadas polo noso grupo».

Ante a falta de convocatorias do Consello Local de Turismo, os esquerdistas decidiron recuperar aquel documento para, con algunha achega a maiores, presentalo por rexistro co propósito de que «non teñan desculpa para levalas a cabo».

Instan aos organizadores da festa a que instalen, como mínimo, unha caixa a nivel do chan, co propósito de que as persoas con cadeiras de rodas ou mobilidade reducida poidan retirar os seus tíckets de comida con maior facilidade pois, o sistema actual impide o acceso a estas persoas. Así mesmo, solicitan que poñan persoal a disposición destes usuarios co propósito de axudarlles na recollida dos pratos nos diferentes soportais, pois para eles resultan inaccesibles. Para completar esta proposta dirixida ás persoas con cadeiras de rodas, EU propón que se habiliten mesas adaptadas, xa que as actuais resultan demasiado altas.

Baños e braille

O acercamento dos baños públicos ao recinto da festa -agora atópanse detrás da lonxa-, a habilitación dun espazo con cadeiras para que as persoas con problemas se poidan sentar durante o xantar, ou a recuperación da carta de produtos en braille, son outras das peticións que os esquerdistas realizaron no 2019 e que repiten para esta edición.

Por outro lado, dende EU insisten na necesidade de reforzar a seguridade da festa: «Este ano non será un evento das dimensións doutras edicións, pero a celebración en época de covid obriga a unha maior vixilancia en canto a medidas de prevención». A maiores, solicita que o Punto Morado contra a violencia machista conte con persoal cualificado.