Tania Álvarez compite coa selección nacional en Sanabria

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

Faráo coa licra da selección española de piragüismo, fornando nun K4 que completan as caiaquistas Eva Barrios, do Durius-Kayak Zamora, Arantza Toledo, do Piragüismo Cuenca con Carácter, e Irati Osa, do ItxasGain Piragüismo Kluba

17 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A padexeira do Breogán do Grove Tania Álvarez Yates competirá mañá domingo no Trofeo Internacional de Sanabria. Faráo coa licra da selección española de piragüismo, fornando nun K4 que completan as caiaquistas Eva Barrios, do Durius-Kayak Zamora, Arantza Toledo, do Piragüismo Cuenca con Carácter, e Irati Osa, do ItxasGain Piragüismo Kluba.

Un día antes, no río Lérez, os clubs do Salnés e do Baixo Ulla volverán copar boa parte da proba central da axenda piragüista galega da fin de semana. Desta volta, a da cuarta edición do Trofeo Internacional Entre Pontes Cidade Pontevedra. Unha cita para categorías cadete, xuvenil, sénior e veterán e para caiacs e canoas individuais e dobres. Coa novidade de incorporar as modalidades de paracanoe e de sup race -paleo a pé-.

68 dos 368 barcos inscritos compiten hoxe cos escudos de media ducia de clubs do sur da ría de Arousa. Coas Torres-Romaría Vikinga encabezando a frota con 23 embarcacións, polas 12 do veciño Náutico Pontecesures, as 10 do Piragüismo Cambados, as 8 tanto do Náutico O Muíño de Ribadumia como do Depornáutic Arousa e as 7 do Breogán do Grove.

Os 485 deportistas en lid deberán cubrir unha distancia de 8.000 metros con saída e con chegada no peirao das Corbaceiras, tomando dirección á ponte do Burgo para coller a primeira ciaboga que marca a metade dun percorrido ao que toca dar dúas voltas. As regatas dispútanse de 10 a 13 horas.