Arte nas bolsas da praza de abastos grazas á campaña de normalización lingüística do Castro Alobre

a. g. VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

As accións para normalizar o uso do galego son unha constante no instituto vilagarcián

25 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

As campañas de normalización, se cadra de concienciación, do IES Castro Alobre van camiño de ser todo un clásico vilagarcián. Son, dende logo, todo un éxito antes de comezar, polo traballo e o interese da rapazada do instituto, que sorprende cada ano. Desta vez a cousa sae dos bares, hai un par de anos repartiron posavasos, e métese na praza de abastos. Será alí onde se repartan hoxe as miles de bolsas preparadas. Unhas bolsas deseñadas por Carlota Magán, alumna de 2.º da ESO. Tivo unha idea xenial. «Fun polas tendas anotando os nomes dos produtos que tiñan para metelos no carro», lembrou. E así quedou. Un carro da compra cheo de verbas.

Non foi o traballo de Carlota o único que foi resaltado polo equipo de normalización lingüística. De tal xeito que os dous carteis que anuncian a campaña tamén levan as sinaturas de alumnos do centros. María Sampedro, alumna de Cuarto da Eso, fixo un deles. A inspiración chegoulle da casa porque alguén moi preto de ela traballa na praza de abastos. «Fixen a figura da miña nai», explicou. E cunha sentenza fundamental para unha praza de abastos: «Fresco e ao mellor prezo».

Houbo outro traballo seleccionado. Foi o de Tiago Vence, de Primeiro da Eso, que onte estaba de viaxe e non puido saír na foto, pero si o seu cartel: «Vilagarcía polo que vale», di.

Foron o redor de vinte os alumnos que participaron na iniciativa lanzada polo equipo de normalización do Castro Alobre. Hoxe repartirán as bolsas na praza de abastos de Vilagarcía e explicarán por que se fai todo isto e por que ten que facerse.