O pracer de descubrir
«Esta é unha das ocasións que che fan sentir que a vida paga a pena. Ter todos os documentos, textos e gráficos, saber que podes contar con Genito en contacto permanente e acadar unha sintonía perfecta para gozar xuntos do pracer de descubrir», confesa Salgado, que consigue poñer aquel punto culminante no seu contexto sociohistórico. Por iso, Papel de estraza é, en realidade, un retrato da sociedade arousá dende o século XIX ata mediados do século seguinte, xa instalados en pleno franquismo, cando Pepa A Cullereira, unha muller que nunca baixou a cabeza e por iso tivo que marchar a México, regresa de vacacións á Illa en 1951.
O mellor que pode facerse con este saboroso papel é lelo. Non tería moito sentido tentar debullalo nestas poucas liñas. Abondará con citar o labor dos mestres e a súa concepción da educación como factor emancipador dos pobres e desposuídos; o papel protagonista da muller, dotada de autonomía e salario de seu polo desenvolvemento da industria conserveira, malia todos os seus desequilibrios. E a sorte funesta que correron os protagonistas daquel goberno fuxidío. Dous foron condenados a morrer fusilados. Outros dous estiveron agochados ata que no 39 foron presos e conenados a seis anos de cárcere. Oito desapareceron nas cunetas do franquismo.