Dúas decenas de mulleres montan o «Centolas Dragon Team» no Breogán do Grove

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

A tripulación leva dous meses de adestramentos

15 jun 2021 . Actualizado a las 21:40 h.

O Breogán do Grove conta desde hai un par de meses cunha nova sección. Sen dúbida, a máis vistosa, ata o punto de atraer a vista de todo canto se atopa coas súas practicantes na auga. A iniciativa de Lino Cacabelos, técnico do club meco, o Breogán aproveitou a dispoñibilidade dun barco dragón no seu inventario para tentar promover a través del a práctica deportiva entre mulleres da vila. Animando a compañeiras da fábrica, coñecidas e nais de deportistas da base da entidade, Cacabelos reuniu un grupo que a día de hoxe xa conta cun par de decenas de padexeiras e que xa ten o seu propio nome: Centolas Dragon Team.

Para quen non coñeza a embarcación, o barco dragón do Breogán é a versión curta de 10+2 -haino de 20+2-. Isto é, preparado para dez padexeiras cun timonel na popa e cunha duodécima persoa na nave marcando o ritmo de remada cun tambor. Nun bote decorado cunha cabeza e cunha cola de dragón, seguindo a tradición chinesa da que provén un deporte con máis de 2.000 anos.

Logo de dous meses de preparación os sábados pola tarde e os domingos pola mañá, baixo a dirección de Cacabelos e do directivo Javier Outeda, as integrantes do Centolas Dragon Team probaban o pasado sábado por primeira vez a dar a volta á illa da Toxa. Ao día seguinte foron máis aló, atrevéndose a vogar ata Cambados, sorprendéndose elas mesmas, din os coordinadores do barco, «do pouco tempo empregado» en cubrir a distancia coa vila do albariño.

Desde o Breogán do Grove salientan que «ao tempo que fan actividade deportiva» as integrantes do barco dragón meco «tamén están a gozar de paisaxes e de vistas que non poden ollar dende terra, o que tamén as está a impresionar». Ao que, engade o club, se lle suman os beneficios para a saúde dun deporte que, sostén, «estáse amosando como moi beneficioso para mulleres operadas de cancro de mama ou como prevención do mesmo grazas ao fortalecemento do tronco superior pola forma de remar nesta embarcación».