Alba Briones: «O que buscamos é que Vilagarcía sexa unha cidade en equilibrio»

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O plan de recuperación toca tanto a pequena empresa como a industria

13 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Concelleira de Promoción Económica e titulada en Dirección e Xestión Pública, Alba Briones (Vilagarcía, 1981) está detrás do deseño de Vilagarcía 21, o plan co que o equipo de Alberto Varela impulsa a reactivación económica do tecido socioeconómico da capital arousá, diante dos efectos devastadores da pandemia.

-Sería capaz de resumir este plan nunha soa frase?

-Ben, xa anunciamos que se trata dun investimento dun millón de euros con sete grandes áreas de desenvolvemento que tocan dende a dinamización das rúas, o pequeno comercio e a hostalería ata o apoio ao sector industrial. Eu diría que manter o diálogo é fundamental para este plan, que é inclusivo, resiliente e sustentable. Esa sería a frase.

-Hai algo que se pode facer, logo, dende a Administración local.

-Nós estamos dispostos a chegar ao límite das nosas competencias, como a cuestión do plan piloto de formación con compromiso de contratación ou a relación que tentamos establecer co sector industrial. Sinceramente, creo que arriscamos, e recibimos a chamada de moitísimos concellos para axudalos e tratar de romper barreiras burocráticas.

-Pode ser Vilagarcía un exemplo?

-A nosa experiencia nos bonos Son da Casa e nas axudas de emerxencia serviu a outras Administracións. Tivemos mesmo a consulta da Deputación para camiñar na mesma dirección, Creo que si, que somos un referente, e ao igual que debemos asumir as críticas, tamén debemos estar satisfeitos do noso traballo.

-Antes da pandemia comezaran vostedes un proceso de consulta cos sectores económicos.

-Si, e ese proceso, que comezaba a traballar en ámbitos que ás Administracións locais lles custan, serviunos. A formación na nosa área de influencia laboral e o contacto co sector industrial, fundamentalmente.

-E qué conclúe dese diagnóstico? Onde están as fortalezas e as debilidades de Vilagarcía?

-Temos debilidades, claro que si, e estamos aquí para tentar solucionalas. Pero gustaríame subliñar que Vilagarcía e unha cidade media, cun equilibrio no sector laboral bastante importante, un sector industrial pequeno pero moi forte e un gran sector servizos. E non temos un turismo coma Sanxenxo, pero si todo tipo de puntos que podemos tocar e no que podemos facernos fortes. O que buscamos é unha cidade de equilibrio, na que vivamos ben e na que os nosos visitantes se sintan cómodos.

-E os problemas e necesidades das empresas? Falta solo?

-Falta, sabémolo e estamos pendentes de saber que pasa coa segunda fase do polígono do Pousadoiro. Creo que en Galicia hai que repensar o que se fixo neste eido. E podo afirmar que contactaron con nós empresas con intención de instalarse aquí. Se cadra non esas grandes compañías que nos veñen á cabeza cando falamos de industria, pero si empresas moi interesantes que somos quen de atraer.

-Falou antes do plan de formación. No horizonte da Xunta, antes ou despois está a creación dun centro integrado de FP en Vilagarcía. É o camiño?

-Un centro integrado traería titulacións que son novas en Galicia e poden abrir oportunidades axeitadas para o noso tecido produtivo. Pero debo advertir que, como Administración local, o Concello ten que ser consultado, porque podemos ofrecer á consellería ferramentas para identificar que ciclos serían máis convenientes en Vilagarcía. E tamén facer que o entorno afectado sexa partícipe dun proceso así, non que as familias saiban pola prensa o que se pretende facer. Un centro integrado, ademais, ten que dispoñer de moitísima innovación, moitísimo investimento e moito dinamismo; ten que evolucionar co tecido e cos sectores económicos.

-Que necesidades lles transmiten as empresas neste eido?

-Temos empresas moi distintas. O sector do metal, por exemplo, tira moito do instituto de Valga e pode ter deficiencias en formacións moi específicas nas que tentamos colaborar. En temas de soldadura, por exemplo. Pero temos tamén un abano importante de agroalimentación e do traballo derivado da pesca e do mar. A consellería podería tomar nota deses estudos que identificamos.

-Semella que dende o Concello se senten mal aproveitados neste tipo de cuestións.

-É que o estamos. A crise golpea primeiro nas Administracións locais, que somos as que temos relación directa cos cidadáns. Servizos Sociais fixo, neste senso, un traballo excepcional. A partir de aí, a relación co pequeno comercio, cos autónomos e as empresas. Todo ese labor diario apórtanos información imprescindible que o resto de Administracións deberían aproveitar. A Deputación, de feito, si o fai, pero tería que ir moito máis aló.

-Que me di do sector industrial? Tamén resposta ben a esta, digamos, interlocución?

-Atopamos neles gañas impresionantes de colaborar. Creo que viron en nós unha voz máis conxunta á hora de facer chegar as súas necesidades a quen ten competencias para emprender esas melloras que necesitan. Pero tamén cos autónomos e o pequeno comercio. A campaña Son da Casa fixo que comprobasen ata onde pode chegar a Administración que está máis preto deles. Esa sensación de que estamos para apoialos, para saír adiante todos xuntos sen deixar ninguén atrás, é fundamental.

-Hai, no plan Vilagarcía 21, moitos eidos por desenvolver. Un deles chama a atención. Esa bolsa de locais comerciais.

-Estamos concretando as súas bases. As inmobiliarias teñen que ser interlocutoras básicas. Non se trata de que o Concello sexa unha competencia, senón todo o contrario. A idea de que se pecha un negocio outro pode tomar o seu lugar, sen que a rúa ou a zona sufra unha perda. Dinamizar o solo baleiro, evitar os ocos, certo grado de bonificación, e todo iso ten que ver co modelo de cidade.