
A desclasificación como BIC non significa que a Torre de Escuredo deixe de estar protexida legalmente como integrante do patrimonio cultural galego
13 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A Consellería de Cultura, para desclasificar a Torre de Escuredo como BIC, argumentou que a inclusión era defectuosa porque, con evidente desleixo, figuraba como edificio de defensa militar, unha tipoloxía que non lle corresponde. Iso non quere dicir, -nin se di-, que careza de elementos arquitectónicos, historia e aprecio social para permitirlle seguir a ser BIC. Mais esa decisión, tan lixeira, non significa que a Torre deixe de estar protexida legalmente como integrante do patrimonio cultural galego. Facticamente pouco cambia, aínda que de agora en diante o Concello ten que asumir un papel non inerte, senón activo e determinante. Antes de analizar a posición de cada un dos actores nesta penosa desfeita é preciso referírmonos ás leis de Patrimonio Cultural de Galicia e do Solo, para coñecer en que situación queda ese edificio. Os bens do patrimonio cultural de Galicia son, por unha banda, os declarados BIC, como era ata agora a Torre de Escuredo -a denominación torre por residencia de lecer parece influencia catalá- e, pola outra, os catalogados. Estes, na súa definición legal, son «elementos que polas singulares características de seu ou por valores culturais, históricos, artísticos, arquitectónicos, arqueolóxicos, etnográficos ou paisaxísticos estímase conveniente conservar, mellorar ou recuperar» e son os que aparecen recollidos nas normas urbanísticas municipais. No Grove, por Decreto da Xunta do 2002, o planeamento quedou suspendido, -imperdoables dezanove anos sen normas urbanísticas!- pero iso non afectou á vixencia do Catálogo. A Torre de Escuredo figura nel con protección estrutural, que preserva fachada, patios interiores, elementos estruturais e tipolóxicos e distribución dos espazos. Nela, diferénciase a parte do vello Pazo da Carrela da sobreedificación, mestura de estilos modernista -como algúns outros edificios da vila catalogados- e indiano. No nonnato, -ou premorto-, proxecto de PXOM aparece novamente catalogada, cunha proposta inviable que permitiría edificar a carón do mamotreto do Norte e trasladar a Torre ao estremo Sur da parcela, con cesión dela de balde ao Concello. Unha proposición, inxusta incluso, que provocaría o colapso definitivo. É dicir: a Torre de Escuredo continúa protexida como ben catalogado do patrimonio cultural de Galicia, pero condenada a morte e pendente dun indulto. Analicemos, pois, a posición dos diversos actores que poderían influír na salvación, aínda posible, deste edificio simbólico. En primeiro lugar, os donos, sen obriga ningunha de remediar necesidades desta vila e que, como calquera, actuarán na defensa dos seus intereses. É obvio que manter en bo estado este edificio precisa dunha inversión obrigatoria pero pouco esperable dun particular. Manifestan querer vendelo. Outros actores son a sociedade civil, grovense e galega, o movemento Torremakers en particular e Francisco Meis, o desgustado estudoso do poeta Luis A. Mestre e deste seu emblemático inmoble que con afouteza defenden a rehabilitación e o uso público. O actor fundamental é a Administración Pública, tan fraccionada no Grove. A Xunta de Galicia desde 2018, co coñecemento expreso do Concello, vén suxerindo a desclasificación da Torre como BIC, pero, atención, non ten facultades para descatalogala das normas urbanísticas. Así que o responsable máximo é o Concello, -que ben podería facer un tándem coa Deputación ou coa Xunta-, ao que temos que encomendarnos con fe cega para que actúe con rapidez, mantendo a catalogación e iniciando un proceso de adquisición, xa, voluntario ou forzoso. Todos estes actores, incluso os donos, cun denominador común: a frustración de ver caer a cachos o edificio sen que quen pode e debe adopte iniciativas serias para darlle uso público. Albíscanse saídas e habelas, hainas. Pero empezou a conta atrás definitiva.