Toño Serantes optará á reelección no C.D. Ribadumia e anuncia a saída de Luis Carro da Senra

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O presidente do club argumenta a disparidade de parte da afección co adestrador vilanovés á hora de desvelar o punto final aos seus catro anos na entidade

09 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Quedan inda dúas xornadas máis para concluír a fase de permanencia na Terceira División, pero desde o pasado domingo o C.D. Ribadumia está de volta na Preferente Galicia tras a súa derrota en Arzúa, 3-1. Así as cousas, o máis intelixente semella comezar traballar desde xa na vindeira tempada. Máxime cando a intención é «pelexar por retornar á Terceira» de aquí a un ano, comenta o presidente do club. E nesa liña, Toño Serantes desvelou onte dúas noticias de primeira orde de cara ao resto sinalado. A súa intención de repetir no cargo tras a asemblea de elección de presidente do C.D. Ribadumia para o vindeiro cuadrienio do 27 de xuño. E que de ser reelixido, como ten toda a pinta de ir acontecer, Luis Carro non continuará á fronte do conxunto aurinegro, a cuxo vestiario chegou catro tempadas atrás da man precisamente dun Toño Serantes de estrea como primeiro directivo da entidade da Senra.

O presidente aurinegro fala de «tristura» cando se lle pide a súa valoración do descenso do primeiro equipo. «Era unha das posibilidades», recoñece, lembrando que un de cada tres equipos do grupo galego da Terceira acabará o curso descendido, se ben tamén apunta que «non soubemos amarrar puntos en partidos clave ante equipos xa descendidos» na fase de permanencia. É un descenso merecido».

Neste punto, Serantes sostén que ao termo dunha Liga «quen descende é que non fixo ben as cousas no campo». Con todo, aclara que «nada hai que reprocharlles aos xogadores nin ao corpo técnico», estendendo a responsabilidade da perda da categoría a ambos colectivos pero tamén a súa propia directiva con el á fronte.

Así as cousas, o mandatario do C.D. Ribadumia vai máis aló do desenlace dun curso que tamén deixou a primeira participación do club na Copa del Rey como fito histórico, para argumentar o punto final ao ciclo de Luis Carro no banco da Senra: «En catro anos houbo momentos moi bos, pero tamén de tirapuxas coa afección. Agora mesmo hai un pouco de contestación entre a afección con Luis. Nin para el é beneficioso continuar a vindeira tempada nin para nós tampouco».

Imaxinando que ninguén máis quererá asumir a carga da xestión do club, inda estando, adianta, saneado, Toño Serantes di que «non temos novo adestrador, por respecto a Luis, nin imos miralo ata despois da asemblea do día 27». O único que ten claro é que «imos tentar apostar un pouco máis polos xogadores da canteira».