Música para peregrinos na Duendeneta dende Vilagarcía

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

A furgoneta ponlle a banda sonora ao Xacobeo ao longo de media Galicia neste mes de xuño

08 jun 2021 . Actualizado a las 19:07 h.

«A idea xurdiu pola sensación de que un peregrino pode chegar a estar dez días por Galicia adiante sen escoitar, sen atoparse , con música en galego», explica Carlos Crespo. E a idea é o proxecto Os camiños das músicas galegas, no que Carlos Crespo e La Duendeneta farán un percorrido sonoro polas músicas de Galicia.

Non é unha sesión das habituais. Trátase de que os peregrinos, e tamén os habitantes das vilas polas que vai pasando La Duendeneta, coñezan todas as posibilidades da música en galego, que son moitas. Un percorrido musical no que Carlos Crespo pon os temas e tamén explica as razóns de que teñan entrado nesta selección.

Son vinte bloques, de cinco minutos de duración cada un deles, nos que se fai un percorrido cronolóxico que arrinca con que ten que arrincar, con Andrés do Barro, o primeiro cantante que chegou a ser número 1 das listas en España cunha canción en galego. Arrinca aí, e remata con temas apenas saídos do forno como o último de Grande Amore, por exemplo. Un percorrido no que se fala da orixe do pop en galego, dos cantautores, das cancións protesta, do folk, do Xabarín ou do bravú.

«Nesa parte final do século XX todo se argallaba a través dos distintos movementos musicais, pero neste século xa non vai así, xa non hai movementos musicais, hai de todo en todos os xéneros», explica Crespo. E así é. Vivimos nun momento de plena ebulición da música en galego, con artistas como Baiuca que triunfan alén do Padornelo e tocaba explicarlle os que nos visitan que a oferta é amplísima.

«Presumimos da nosa cultura, da nosa gastronomía, da paisaxe... por que non a música?», argumenta Crespo. E así naceu Os camiños das músicas galegas, que ven a ser a primeira actividade musical do programa oficial do Xacobeo 2021.

O percorrido

Carlos Crespo e La Duendeneta farán tramos dos distintos camiños que hai por Galicia para chegar a Santiago. Cada tarde, dende o día 2 ata o 21, cunha parada nalgunha das localidades. Alí, farán a sesión no serán nun recinto preparado para cincuenta persoas, pero do que poden gozar moitas máis porque La Duendeneta aparca nas prazas dos pobos. Arrincaron no Pedrouzo, onte estiveron en Palas de Rei e hoxe a sesión será en Portomarín. Sarria, Triacastela, O Cebreiro, Sigüeiro, Ordes, Betanzos, Pontedeume, Padrón, Caldas de Reis, Pontevedra, Redondela e Tui serán as vindeiras etapas, para rematar en Santiago os días 20 e 21 de xuño.

O público que asiste as sesións recibe un tríptico dende o que pode descarga a playlist completa cun código QR, porque Carlos pincha pequenos extractos de tres temas en cada un dos bloques, e unha canción, a canción estrela, durante algo máis de tempo, pero non enteira nin moito menos. Pequenas pinceladas para poder abarcar a inmensa riqueza da música galega. Pouco máis de noventa minutos non dan para moito máis, pero si que son totalmente válidos para gozar, para darse de conta, desta gran riqueza e diversidade que hai na música en galego.

«O reto está en lograr que os peregrinos que asistan a algunha das sesións usen a partir de aí a playlist e escoiten música en galego cando van de camiño a Santiago», remata Crespo.