Pepo Suevos: «Non bebo viño, pero que deus reparta sorte»

Bea Costa
bea costa RIBADUMIA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O actor será o encargado de animar este mediodía o acto de entrega dos premios do concurso que terá lugar na carballeira

06 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen o ía dicir. Ao condutor da gala de entrega do premios aos mellores tintos do Salnés non lle gusta o viño, pero hoxe (12.30 horas) seguro que terá que manchar a boca. Xa o fixo no 2013, a conta do pregón que dou en Barrantes, e tragou. «Non sabe mal», di con pouca convicción, pero se hai que coller unha cunca para unha ocasión especial, «que deus reparta sorte», resolve.

Desde que casou no Salnés, pola banda da familia da muller tivo oportunidade de vivir de preto a cultura do viño, desde o seu cultivo na parra, pasando polo embotellado ata que se serve na mesa. Ademais, nos días de calor de verán sempre lle gustou manchar a gaseosa fresquiña cunha pinga de tinto. «Só unha gota, como se fora para facer a proba do ph á piscina», explica. E é o xusto porque, opina Pepo, se non o traballa, tampouco é cousa de bebelo.

Dixo falará hoxe no escenario da Carballeira de Barrantes no acto de entrega dos premios, e improvisará, claro. «Para pasalo ben, cada actuación ten que ser diferente» así que estará moi atento ao que diga ou faga o público. Desde logo, o que non fixo para a cita deste domingo é estudar. Bastante tivo co guión que tivo que memorizar para o facer o pasado xoves o cásting dunha película. «Tiven que aprender doce folios, xa non estaba acostumado..., estou perdendo as formas». Refírese o actor e humorista á escaseza de producións de cine e de directos que se arrastra desde hai ano e medio como consecuencia da pandemia. Pero, como non hai mal que por ben non veña, o cese forzoso fixo que Pepo se lanzara a ese outro mundo que é Internet e xa está pensando nun programa propio a través das plataformas dixitais. En todo caso, o proxecto terá que quedar para dentro duns meses porque «o verán promete».

De momento xa ten unha media de seis bolos por mes na axenda e confía en que vaian xurdindo máis a medida que se normalice a situación sanitaria. Pola súa banda, no que atinxe ao covid, está tranquilo. Unha vez que xa tivo o virus -foi dos primeiros en estar illado 22 días na casa naqueles tempos do confinamento- e cunha dose de AstraZeneca ao lombo, cre que ten anticorpos suficientes para lidar co cororonavirus e, por suposto, cun tinto de Barrantes. O importante é ter saúde.