Veloso rodará polo deserto de Marrocos enrolado de novo fronte á enfermidade de Dent

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

La Vuelta de Eva

O vilagarcián participará en outubro nunha das xornadas da Marruecos on Bike

29 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado 5 de novembro Gustavo César Veloso cubría os 237 quilómetros entre Mos e Puebla de Sanabria da decimoquinta etapa da Vuelta a España. Facíao por diante do gran pelotón, como punta de lanza da vertente solidaria que todo grande evento deportivo debera incorporar en cada unha das súas edicións. O vilagarcián era o compañeiro do día de Eva Giménez, o deportista de elite que acompañaba a nai de Nacho, unha das algo máis de 400 persoas no mundo que padecen a enfermidade rara de Dent. Baixo o paraugas de La Vuelta, e coa colaboración de nomes como os de Perico Delgado, Marino Lejarreta, Martín Fiz ou o propio Veloso, a nai coraxe, enferma de ELA, visibilizou a doenza do seu fillo con La Vuelta de Eva. Un ano despois, volverá facelo, en Marrocos e co arousán outra vez nas súas filas.

Pendentes de poder atopar inda unha televisión na que emitir o documental rodado coa experiencia de La Vuelta de Eva, a Asociación de la Enfermedad de Dent, ASDENT, fundada e presidida por Eva Giménez, conseguiu a colaboración dos organizadores da Marruecos on Bike. Unha carreira de bicicleta de montaña polo deserto do país alauí que programou a súa décima edición do 9 ao 16 de outubro deste ano. Unha década combinando competición e aventura nunha experiencia única, explican na páxina web da proba, o mesmo período de tempo de loita de ASDENT por conseguir fondos para investigar contra a enfermidade de Dent.

Nunha experiencia semellante á da Vuelta do 2020, Eva Giménez enrolou a oito deportistas para formar o seu novo equipo na Marruecos on Bike. Tras anunciar os nomes de olímpico andorrano en Seúl 88 e Barcelona 92 Emili Pérez e da ex figura do BTT e do ciclocrós español Israel Núñez, onte ASDENT anunciou a Veloso como terceiro integrante do seu novo altofalante deportivo.

Memorial Bruno Neves e Volta a Albergaria esta fin de semana

Moito lle queda por rodar inda a Gustavo César antes de volver colaborar na loita contra a enfermidade de Dent. Toda unha última tempada coa que poñer punto final ás súas 20 máis 1 coma ciclista profesional, co asalto á xeral da Volta a Portugal unha vez máis como o seu grande obxectivo.

Esta fin de semana, o xefe de filas do Atum General-Tavira-Maria Nova Hotel compite os dous días. Esta tarde, na duodécima edición do Memorial Bruno Neves, unha clásica en Oliveira de Azeméis de 127,4 quilómetros. Mañá, correndo os 156,7 quilómetros da vixésima Volta a Albergaria. En ambas as dúas, coa participación tamén do cambadés do Tavfer-Measindot-Mortágua, Ángel Sánchez Rebollido.

Tanto Veloso como Sánchez volven rodar dúas semanas despois, logo da súa presenza no Grande Prémio O Jogo. Carreira na que o vilagarcián estreou o seu palmarés do 2021 gañando o segundo sector da etapa inaugural da proba portuguesa.