Xoán Antonio Pillado: «Cabanillas sempre estivo presente en Cambados, incluso a nivel popular»

Bea Costa
bea costa CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O Premio Cabanillas entregaráselle o día 4 nun acto na Calzada, con poesía e música

02 jun 2021 . Actualizado a las 09:58 h.

Logo da «sorpresa» inicial, Xoán Antonio Pillado Silvoso non pode menos que estar agradecido á Asociación de libreiros e ao Concello de Cambados por ter pensado nel para o Premio Ramón Cabanillas deste ano, o dezasete xa na historia de destas distincións. «Son moi xenerosos», apuntou Pillado, quen falou da honra que supón para el este recoñecemento co nome dun poeta que foi tan importante na súa vida, tanto «que aprendín a ler en galego cos seus libros». De Cabanillas oíu falar desde neno na casa debido á relación que o seu avó tivo con escritor, e seguiu oíndo falar toda a súa vida, porque «Cabanillas sempre estivo presente en Cambados, incluso a nivel popular».

Pillado explica que a súa figura non só estaba na boca dos intelectuais, que tamén; a xente do común recitaba os seus poemas, algo ca el sempre se lle antollou complicado. O que nunca esquecerá é a dedicatoria do «A ti meu Cambados» que preside a escultura levantada no paseo da Calzada en lembranza do autor de Vento Mareiro. Pillado Silvoso veu levantar ese monumento, en 1959, pedra a pedra, e un ano despois asistir á homenaxe que se lle brindou na súa vila, en pleno franquismo.

Máis aló das súas vivencias persoais, o protagonista do día tamén o é polo papel que xogou na promoción e divulgación do poeta no eido institucional, no seu papel de alcalde de Cambados desde 1979 ata ben entrados os anos oitenta. Con el na corporación empezaron as xestións para comprar a casa natal de Cabanillas, en Fefiñáns, -operación que se materializou logo sendo alcalde Santiago Tirado- e en 1984 celebrouse unha homenaxe coincidindo co 25 aniversario da súa morte.

Na política, na docencia e xa xubilado, Pillado nunca abandonou a curiosidade por coñecer máis sobre a vida e obra do poeta, inquedanza que agora premian os libreiros.Un novo revulsivo sen dúbida para alguén que segue investigando. De feito, o día 4 arroxará luz sobre un aspecto que non se coñece moito: a relación de Ramón Cabanillas co ensino. «Mentres me quede corda, seguirei estudando e colaborando en calquera acto de exaltación da figura de Cabanillas», indicou.

O vindeiro venres terá unha nova ocasión, nun acto que se celebrará na Calzada, ás 20 horas, no que Teatro do Garaxe recitará a Cabanillas, soará a música de Xoán Silva e Blas e algunha que outra sorpresa.

Martina Miser

O xoves inaugúrase o museo

A entrega do Premio Ramón Cabanillas 2021 ten un aliciente a maiores. Coincidirá co tempo coa inauguración do museo dedicado ao escritor que se habilitou na segunda planta do edificio Exposalnés, situado no paseo da Calzada. O acto celebrarase o vindeiro xoves (12 horas), coincidindo co 145 aniversario do pasamento do escritor e, a partir dese momento quedarán abertas ao público en horario de mañá e tarde, coincidindo co horario da oficina de turismo situada na planta baixa do inmoble. Á espera de concretar o calendario, a intención da concellería de Cultura é que durante o verán permaneza aberto todos os días da semana.

Os días 3 e 4 ofrecerase a oportunidade de facer este percorrido pola vida e obra de Cabanillas cun guía de luxo, con Pepe Barro, autor do proxecto museístico, que estará eses días en Cambados para asistir aos primeiros pasos da súa obra. Unha obra, dixo o concelleiro Tino Cordal, «que é mérito de todos e que nos culminamos», citando expresamente o papel que xogaron Luis Aragunde, como alcalde, e Víctor Caamaño, como concelleiro de Cultura.

Pero se importante foi a aposta do Concello, non o foi menos o doutras institucións e particulares que doaron material para poder encher de contido este museo. Mención especial merecen as familias Vidal-Cabanillas y Pillado Silvoso que cederon libros, cartas, fotografías, mobles e outras pezas relacionadas coa biografía do autor que, doutro xeito, sería imposible recompilar para este proxecto. Tamén foi moi importante a labor de investigación e catalogación levada a cabo polo finado Luís Rei, o cal, dixo Cordal, estará moi presente na memoria no acto do vindeiro día 4. «Este museo é a culminación do traballo que fixo tan entregado», apuntou o edil. Outro nome que tamén se destacou no acto celebrado este venres na Calzada foi o do académico cambadés Francisco Fernández Rei. Ámbolos dous, engadiu Pitusa Cabanillas, foron cruciais na concepción deste proxecto.

Pitusa Cabanillas falou en nome da súa familia para dicir que están moi orgullosos por ter colaborado coa posta en marcha deste museo e expresou o seu «cariño e respecto» pola familia Pillado, que ten en Xoán Antonio ao flamante Premio Ramón Cabanillas, premio que este quere compartir cos seus irmáns.