A Xunta investirá 300.000 euros no colexio de Baño e no IES de Valga

La Voz VALGA / LA VOZ

AROUSA

CONCELLO VALGA

Acutuarase nos patios, aplicando as directrices do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

28 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou onte o colexio Baño-Xanza e o instituto de Valga para anunciar que en ámbolos dous centros se van desenvolver proxectos de mellora. Acompañado polo alcalde, José María Bello Maneiro, e varios concelleiros, Román Rodríguez fixo unha primeira parada no colexio de Primaria, onde no mes de xuño comezarán uns traballos que consistirán no acondicionamento dun espazo para circulación e acceso cuberto ao centro, unha acción na que se investirán 48.400 euros. O proxecto xa está encargado e virá completar os traballos que se teñen acometido no colexio, sometido a unha reforma integral de 850.000 euros. «Un centro de case cincuenta anos quedou practicamente novo», dixo o titular de Educación.

De seguido, a comitiva encabezada por Rodríguez desprazouse ata o IES de Valga, no que a Consellería de Educación ten encargado outro proxecto, neste caso cun investimento estimado de 250.000 euros, para rematar de cubrir un dos patios do centro. Román Rodríguez especificou que as dúas obras se van a desenvolver baixo os requisitos marcados no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que supón «un cambio de paradigma no deseño dos centros escolares do futuro cunha arquitectura ao servizo dos proxectos educativos» e que prestará unha atención especial aos patios.