O Asmubal organizará en Meaño a fase de ascenso a Primera Nacional

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

BRAIS MIGUEZ

O Grupo Astur, Zarauzt e o Realejos, campión canario, serán os seus rivais

26 may 2021 . Actualizado a las 22:23 h.

O Asmubal Meaño segue a ver medrar o soño que se comezou materializar no momento no que o seu equipo sénior masculino, o Aquitania, conquistaba o título de campión da Primeira Autonómica e se clasificaba para a fase de ascenso á Primera Nacional Masculina. Dous fitos inéditos ata entón nos 33 anos de existencia do club, aos que na mañá deste mércores engadiu un terceiro. A Real Federación Española de Balonmano comunicoulle á directiva da entidade meañesa que validou a súa proposta para exercer, do 4 ao 6 de xuño, de anfitrioa dun dos seis sectores nos que se dirimirán os novos equipos na vindeira edición da categoría de bronce do balonmán español.

A elección do Novo Coirón como pavillón do Sector A, cun custe de 7.000 euros para o club en concepto de canon á Federación Española, produciuse en paralelo ao sorteo dos catro compoñentes de cada un dos grupos. E ao Asmubal Meaño tocáronlle de rivais o campión autonómico canario, o Serigrafías Cucas Realejos, e mais o Grupo Astur e o Txikipolit Zarautz ZKE, subcampións respectivamente de Asturias e de Euskadi.

Non semella terlle ido mal ao conxunto do Salnés no reparto, toda vez que só outro sector máis conta con esta distribución, co Sector D composto na súa totalidade por campións autonómicos e outros tres por tres vencedores das súas ligas e un único subcampión. Neste último conxunto aparece o outro aspirante galego ao salto á Primera Nacional Masculina, o Culleredo, que se terá que ver as caras en Oviedo co Principado Balonmano Vetusta, anfitrión, co SD Lagunak e co Liberbank Sinfín, mellores equipos esta tempada das máximas categorías autonómicas de Asturias, de Navarra e de Cantabria.

A presidenta do Asmubal Meaño, Silvia Lobato, personifica a ledicia entre a familia do club: «A elección de Meaño para acoller a fase supón unha gratificación ao traballo feito os últimos anos polo club, un club en continuo crecemento nos últimos anos. Para Meaño e para o club é un fito histórico, para o Concello tamén o debera ser». Dito iso, engade Lobato: «Espero que todos esteamos á altura».

Pantalla xigante no colexio

Coa organización do Sector A da fase de ascenso na man, «agora toca unha semana intensa de traballo», comenta a mandataria do Asmubal. A directiva reuníase na noite de onte para fixar a folla de ruta de cara a toda a posta a punto para a gran cita dos días 4, 5 e 6 de xuño e de cuestións capitais. Entre elas, a venda de entradas.

A este respecto, Lobato informou de que, polas restricións pola pandemia, o Novo Coirón tan só contará cun aforo de cen espectadores. Por iso, adiantou, a intención do club é instalar unha pantalla xigante no patio do colexio anexo ao pavillón, que permitiría, calcula, que arredor doutros 200 afeccionados poidan gozar en directo dos dous partidos por xornada da fase. Encontros que se xogarán nas tardes do venres e do sábado e na mañá do domingo.

Silvia Lobato confiaba en pechar na noite do mércores cos seus compañeiros de directiva os prezos dos abonos que darán dereito a ver a totalidade dos seis partidos e mais das entradas soltas por encontro, que serán diferentes se se ven no pavillón ou no patio do centro escolar.