Arousa contará con cinco canoístas nos campionatos de Europa e do Mundo Xuvenil e Sub 23

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Club Náutico O Muíño

A meca Valeria Oliveira clasificouse para catro probas en cada cita

25 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Copa de España de 200 e 500 metros disputada a pasada fin de semana e as finais do selectivo específico para barcos de parellas dirimido os dous días previos á cita no encoro de Verducido veñen de completar o peneirado para a confección dos equipos cos que a Real Federación Española de Piragüismo competirá este ano nos campionatos de Europa (Poznan, 24 ao 27 de xuño) e do Mundo (Montemor-O-Velho, 3 a 6 de setembro) Xuvenil e Sub 23. Un proceso iniciado hai un mes no selectivo de Trasona e que rematou con cinco canoístas arousáns ou de clubs da comarca confirmando a súa internacionalidade.

Á cabeza deste grupo selecto aparece a grovense Valeria Oliveira Otero. A canoísta do Club Piragüismo Poio-Conservas Pescamar impúxose o xoves e o venres pasado nos selectivos do C2 200 e 500 Xuvenil para o Europeo e o Mundial formando parella con Antía Otero, a padexeira do Escuela Piragüismo Ciudad de Pontevedra que unha semana antes accedera á final do C2 500 do Preolímpico Europeo de Szeged, Hungría, repetindo na regata polas medallas da embarcación na primeira Copa do Mundo da tempada, da que volveu co ouro no C2 200 coa súa compañeira de club Antía Jácome. Con esta última centrada xa en preparar o seu duelo pechado con María Corbera pola praza que a madrileña conseguiu para o equipo español de piragüismo no C1 200 nos Xogos Olímpicos de Tokio deste verán, Otero atopou en Valeira Oliveira o complemento perfecto en Verducido. A meca, segunda tras a súa nova compañeira de barco nas finais do C1 200 e 500 da Copa de España, ten praza tamén para a canoa individual do medio quilómetro nas dúas citas internacionais e tanto no programa xuvenil coma Sub 23, ao centrarse Otero no barco olímpico.

O Náutico O Muíño de Ribadumia verá a María Pérez no C4 500 Sub 23 do Mundial, categoría na que o seu compañeiro de club Manuel Fontán disputará o C2 1.000 do Europeo xunto a Martín Jácome, do Ciudad de Pontevedra, sumándolles a este barco o C1 e o C4 500 no Mundial.

Ademais, os irmáns madrileños do Breogán do Grove Diego e Noel Domínguez fixéronse cos billetes do C1 1.000 para o Europeo e o Mundial, o primeiro na categoría xuvenil e o segundo na Sub 23.