Os independentes meañeses desbotan volver a ofrecer a alcaldía ao grupo socialista

La Voz MEAÑO / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

«Concluímos de maneira clara que o único papel dos representantes do PSOE no Concello de Meaño é manter ao alcalde como alcalde»

22 may 2021 . Actualizado a las 21:00 h.

«Non se volverá repetir». Así de contundente amósase a Agrupación de Electores Veciñal Meaño Independiente (MI) en relación ao ofrecemento da alcaldía ao PSOE a través dunha moción de censura. Logo de facer a proposta no pleno, a través da prensa e do envío de correos electrónicos, a formación que lidera Jose Aspérez non foi quen de achegar posturas co PSOE meañés, «que nos parece politicamente inmaduro e nada propio de alguén que se presenta para ser alcalde».

«Concluímos de maneira clara que o único papel dos representantes do PSOE no Concello de Meaño é manter ao alcalde como alcalde e defendelo a costa de traizoar as súas propias ideas que foi polas que pediron o voto nas eleccións, sendo o único pobo de Galicia no que o sentido do voto dos representantes do PSOE fixo alcalde ó candidato do PP. Eles saberán o porqué e eles darán as explicacións aos seus votantes cando chegue o momento da súa triste, para nós, actuación dende que comezou a lexislatura», engaden desde o principal grupo da oposición.

Os independentes lembran que ningunha das súas propostas e mocións foi aprobada en pleno, «sempre tivemos os votos en contra ou abstencións do grupo do alcalde e do PSOE, ¿a caso este xeito de votar non é unha pinza? Sen embargo as do PSOE saen adiante, incluso varias delas co noso apoio».