A Xunta renovará as beirarrúas e fará unha senda entre Vilagarcía e Vilanova

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

ALEJANDRO RODRIGUEZ

O Consello da Xunta autorizou este xoves as expropiacións para a execución das obras

20 may 2021 . Actualizado a las 20:45 h.

O Consello da Xunta autorizou este xoves as expropiacións para a execución dunha senda e para a rehabilitación das beirarrúas na estrada autonómica PO-549, no treito que comunica os concellos de Vilanova e Vilagarcía. O investimento que o Goberno galego destinará a esta actuación ascende a máis de 1,1 millón de euros, no que se inclúe o pagamento dos 21 predios necesarios para a súa execución.

«Esta intervención busca regular e establecer o uso de diferentes espazos, reforzando a seguridade viaria e facilitando unha interacción harmónica e respectuosa entre peóns e vehículos, nun treito da PO-549 cunha urbanización irregular, onde hai tramos con beirarrúas e outros sen elas, e mesmo treitos nos que as beiravías son empregadas de xeito frecuente como aparcadoiros», segundo explican desde a consellería.

Procederase ao levantamento de actas previas e á licitación das obras no segundo semestre do ano. Os traballos contan dun prazo de execución de nove meses. O proxecto recolle como principais actuacións a construción dunha senda peonil á marxe da estrada, dotación de prazas de estacionamento, estreitamento dos carrís da estrada existente e extensión dunha capa de rodadura en toda a plataforma da vía na zona de actuación.

Para iso, construiranse ou renovaranse 3,27 quilómetros de beirarrúas, que unirán e completarán treitos xa existentes, cunha sección tipo de 1,80 metros de ancho variable, reducíndose a 1,20 metros alí onde non exista espazo suficiente debido á presenza de construcións.

Esta intervención sumarase á construción dunha senda peonil na mesma estrada, no treito correspondente á parroquia de San Miguel, e na estrada que conduce á ponte de A Illa de Arousa, que estrearase este verán.