Indignación en Meaño polo reparto de libros en castelán no Día das Letras Galegas

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

As Letras deste ano celebraron a figura da poetisa Xela Arias
As Letras deste ano celebraron a figura da poetisa Xela Arias M.MORALEJO

O Concello mercou obras en castelán como agasallo para un concurso escolar, e nega que teña que ver coa celebración da lingua

18 may 2021 . Actualizado a las 22:20 h.

A bo seguro a máis dun meañés non se lle esquecerá o Día das Letras Galegas do 2021. O BNG local cargou onte publicamente contra o goberno que dirixe o ex popular Carlos Viéitez por agasallar o luns, xornada da exaltación da lingua galega, libros en castelán aos gañadores do concurso de relatos organizado polo Concello entre os centros de educación como cada ano por estas datas.

A formación nacionalista informaba onte que «o primeiro agasallo do concurso de relatos organizado polo Concello de Meaño con motivo das Letras Galegas foron dous libros en castelán, algo que nos parece un despropósito». No BNG dise que «o lóxico este ano sería agasallar con dous libros de Xela Arias -a autora homenaxeada neste Día das Letras Galegas-, pero de non ser así, hai centos de autores en galego que servirían como premio ao mellor relato en galego. Dito isto, desde o Bloque amosan a súa «indignación» no que confían sexa «un erro», pedíndolle a explicación correspondente ao goberno local.

Preguntada por este xornal, a concelleira de Cultura de Meaño, María Estévez, comezou negando que o concurso escolar fose sobre o Día das Letras Galegas, inda que, como é tradicional no municipio, se convocase arredor das súas datas, entregándose os premios o propio luns 17. Tamén asegurou que coma sempre «os libros de agasallo se mercaron na librería de Meaño e hai veces que se compran en galego e outras en castelán», restándolle valor ao idioma defendendo que o único «importante é que os nenos lean». Estévez di que o Concello de Meaño ten un programa de actividades específicas polas Letras Galegas, que inclúe, entre outras, actuacións de contacontos, que «posiblemente lles quede máis aos nenos ca un libro en galego», sostén a concelleira de Cultura.