O Asmubal Meaño recolle o seu histórico trofeo de campión de Liga

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

PATRY RIVAS

O cadro de xogadores e de técnicos volveu o luns de Carballo coa copa ao mellor equipo da Primeira Autonómica Masculina

19 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os xogadores e o corpo técnico do conxunto sénior masculino do Asmubal Meaño viaxaron este luns a Carballo á final a catro da Primeira Autonómica. Non se vestiron de curto, nin xogaron un só minuto. Había semanas que os homes adestrados por Víctor Garrido consumaran nas canchas a súa condición de campións de Liga da Primeira Autonómica Masculina. O primeiro título que colleita o Asmubal Meaño nos seus 33 anos de historia, iniciada en 1988.

Os capitáns do equipo, Carlos Gehrhardt e Pablo Garrido, foron os encargados de recoller o trofeo que acredita o éxito do colectivo meañés. Un trofeo que recibiron de mans de Evencio Ferrero, o alcalde de Carballo, localidade que acolleu a segunda e definitiva xornada da final a catro entre o segundo, terceiro, cuarto e quinto clasificados para decidir o acompañante do Asmubal á fase de ascenso á Primera Nacional. A entrega fíxose ao rematar a final a catro, con vitoria do Culleredo no partido decisivo fronte ao Artai Poio -Atlético Novás B e Porriño foron os outros dous aspirantes-.

O acto rematou coa foto de familia que acompaña a esta información. Unha imaxe para a posteridade na que os integrantes do Asmubal Meaño aparecen acompañados entre outros polo presidente da Real Federación Española de Balonmano, Francisco Blázquez.

Os xogadores de Víctor Garrido non terán xa máis paradas intermedias na súa preparación para o sector nacional no que pelexarán, fronte a outros tres rivais de ligas autonómicas doutras comunidades, por un ascenso á terceira categoría do balonmán español. Será entre o 4 e o 6 de xuño, nunha sede por determinar a vindeira semana.

Neste sentido, a presidenta do Asmubal, Silvia Lobato, comentaba onte que o club xa rexistrou a petición formal para organizar no Pavillón Municipal Novo Coirón o sector no que xogará o club meañés. Un dereito que obriga a un desembolso non menor aos 7.000 euros en beneficio da Federación Española. No Asmubal teñen constancia de que son bastantes os equipos que aspiran a el.