Un feixe de letras para reivindicar a figura de Xela Arias

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Repaso aos actos que se celebrarán na comarca polo Día das Letras

16 may 2021 . Actualizado a las 14:20 h.

Avanza o calendario, inexorable, cara o 17 de maio, o Día das Letras Galegas. Este ano, a data serve como escusa para nos achegar á figura de Xela Arias. E mentres se acaban de cociñar algúns dos actos que se desenvolverán na honra da autora, outros xa están en marcha. Vexamos, por exemplo, o que acontece na biblioteca municipal Rosalía de Castro, en Vilagarcía, onde se vén de organizar unha exposición dedicada a autora. «Trátase dunha mostra bibliográfica, do fondo da biblioteca, na que se recolle a súa vida e obra da autora lucense», explican desde o centro de Rey Daviña. Esa mostra de libros complementa á exposición promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística que tamén se exhibe nas dependencias da rúa Rey Daviña, composta desta volta por doce carteis nos que se conxuga a información gráfica -fotos de vida, debuxos, portadas de libros, manuscritos…- coa información escrita. Un texto fai de fío condutor percorrendo a vida e obra da autora en todos os paneis. Por outra banda, o venres repartíronse marca páxinas conmemorativos entre os usuarios que fixeron uso do servizo de préstamo a domicilio.

Pero non so nas bibliotecas se celebra por anticipado o Día das Letras. No instituto de Valga, este venres tamén foi xornada de celebración do idioma e de quen o usa. Aínda que a pandemia non permitiu celebrar a tradicional Carreira pola Lingua, o centro adaptouse á situación sanitaria organizando un festival con diversas actividades deportivas e culturais nas que participou o alumnado de ESO, Bacharelato e FP Básica. Os estudantes repartíronse entre os dous patios para disputar varias probas deportivas.

Merenda, humor e música

Trala entrega de medallas, todos repuxeron forzas cunha merenda a base de froita e leite, xusto antes de dar comezo as actuacións de Quico Cadaval e Títeres Alakrán, que foron alternando de patio para que todo o alumnado puidera gozar dos seus espectáculos. Durante toda a mañá houbo lembranzas para a autora homenaxeada este ano pola Real Academia no Día das Letras Galegas, que se celebra o vindeiro luns: Xela Arias. Recordouse a súa biografía e léronse pasaxes da súa obra. Os actos chegaron tamén ao Centro de Educación Especial de Vilagarcía, que viviu unha xornada diferente, una xornada de Letras.