Baladas e zarzuela galega para celebrar en Carril o Día das Letras

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A soprano Loli Crespo e o pianista Alejo Amoedo serán os protagonistas dun concerto que se celebrará o vindeiro luns en Carril

14 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A soprano Loli Crespo e o pianista Alejo Amoedo serán os protagonistas dun concerto que se celebrará o vindeiro luns en Carril, co gallo das Letras Galegas. O espectáculo leva o mesmo título que o disco editado por Dos Acordes coa axuda do Concello de Vilagarcía e numerosas entidades vencelladas a Carril, a vila da que é natal Loli Crespo. No recital escoitaranse pezas dese traballo, centrado en baladas e zarzuelas galegas.

Sobre o disco e o concerto dixo este xoves Loli Crespo que son ela mesma. «O disco son eu, o lugar de onde eu veño, o que eu fago, a cultura do noso mar», sinalou a soprano durante un acto no que participaron xentes de Carril. A elas foron moitos dos agradecementos de Crespo, que non quixo deixar pasar a ocasión de gabar o apoio recibido da agrupación de parquistas, ou os traxes que para ela elaborou o modisto Franco Quintáns -lucirá un deles durante o concerto do vindeiro luns-.

A concelleira de Cultura, Sonia Outón, tamén recibiu o agradecemento de Loli Crespo. Outón indicou que o concerto, programado co gallo do Día das Letras Galegas, é unha peza que encaixa á perfección coa data, xa que nel se van interpretar poemas musicados de autores galegos como Rosalía de Castro. Outón recordou que o concerto vaise desenvolver atendendo a todas as medidas de prevención contra a covid-19.