A Xunta substituirá as cubertas e parte das fachadas do colexio de Vilaxoán e do instituto das Bizocas

p.p. vázquez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

As obras faránse durante o verán para estar listas antes do regreso dos estudantes ás aulas

13 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O delegado provincial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, sorprendeu na tarde de onte á dirección e comunidade educativas do colexio de Vilaxoán e do instituto plurilingüe As Bizocas do Grove. Nunha visita de urxencia a ambos os dous centros, o cargo autonómico informou aos seus responsables e mais aos representantes en materia educativa dos Concellos afectados da licitación no día de hoxe de cadansúa obras de renovación das cubertas e de parte das fachadas das instalacións educativas sinaladas. Obras por un valor conxunto de 415.000 euros e unha execución prevista nos meses centrais do verán, de maneira que estean listas para o inicio do vindeiro curso académico antes do regreso ás aulas dos seus estudantes.

No tocante ao colexio de Vilaxoán, a Consellería de Cultura, de Educación e de Universidade investirá 275.000 euros para a renovación das cubertas existentes, deterioradas e en parte construídas con fibrocemento. A intervención permitirá a colocación de novas cubertas de 30 milímetros de grosor en chapa de aceiro galvanizado e a dotación de escuma de poliuretano para o seu illamento, sustentadas en viguetas de formigón. Ademais, substituiránse os paneis defectuosos da fachada e cambiaráse o sistema de recollida de pluviais.

Nas Bizocas, os 140.000 euros orzamentados cubrirán o cambio das cubertas do edificio principal e mais do pavillón, así como dos sistemas de recollida de pluviais. A obra servirá tamén para realizar unha pequena mellora en certas partes da fachada e o cambio de todas as baixantes e canalóns para controlar as escorrentías da chuvia.